Hai máis de cincuenta anos unha nena que odiaba a sopa e amaba os Beatles apareceu nas nosas vidas, e fomos medrando con ela tanto polos medios de comunicación coma polos libros traducidos a máis de trinta idiomas, entre deles o noso.
Mafalda, creación do debuxante arxentino Quino, é unha rapariga progresista que se preocupa pola humanidade e a paz mundial. Nace, graficamente, en 1964 en “Gregorio”, o suplemento humorístico da revista Leoplan. Para desenvolver a vida da protagonista e do seu grupo de amigos, o autor baseouse no ambiente do barrio bonaerense de San Telmo.
Un dos seus compañeiros de historieta, Manolito, é fillo de don Manolo, un galego propietario –como non podía ser doutro xeito– de Almacenes don Manolo. Quino retrata o Manoliño como un bruto sen delicadeza que por riba de todo ama o negocio familiar. É dicir, un neno materialista, sen imaxinación nin fantasía, mais ao que acabamos querendo porque é cariñoso e ten un humor, relacionado cos seus plans de desmesurado capitalismo, no que finalmente quedamos presos. Manoliño rematou por ser un dos personaxes máis queridos polos lectores, como demostra que desde setembro de 2014 el e Susanita acompañen a escultura de Mafalda no antedito barrio de San Telmo, por petición dos veciños.
Hoxe, con este Setestrelo de termos relacionados co humor gráfico, queremos facer unha homenaxe a Mafalda, a Quino e ao noso Manoliño. Quen máis ca el podería deitar unha sentenza tan actual como: “Fálase moito de depositar confianza, mais ninguén di que xuros pagan”.