Sete palabras para Manuel María

Montaxe con fotos de Manuel María e a Terra Chá, e ilustración da cuberta da 2ª edición de Terra Chá (Círculo das Artes de Lugo. 1967)

Libros, artigos e todo tipo de recursos sobre a obra do escritor chairego Manuel María Fernández Teixeiro, máis coñecido polo nome de pía, Manuel María, agroman en 2016. Foi un dos autores máis produtivos da nosa literatura mais a súa dedicación á terra non se cinguiu á produción literaria senón que se proxectou con igual intensidade no seu labor como editor e tamén na súa actividade política. O compromiso co país lévao a expresar as súas arelas en calquera ámbito, como amosa o poema desta felicitación de comuñón inédita, con ilustración de Xurxo Fernández.

TarxetaComunhonPoemaManuelMaria

Para Manuel María, o acollemento e a solidariedade foron o xeito de acometer as súas obras, xa que eran tamén os principios da súa maneira de estar no mundo, sempre aberto a colaborar e participar en calquera proxecto, en calquera actividade, procurando que fose de proveito para o país e a lingua. Somos moitas as persoas que aínda o temos presente por termos compartido con el experiencias culturais, políticas, persoais ou sinxelamente grazas ao descubrimento dos seus textos. Velaí a razón pola que nos sumamos humildemente ao recordo da súa figura e o recoñecemento da súa vida e obra por medio destas sete palabras.

1

colonización

Acción e efecto de colonizar

O Dicionario non xoga con ambigüidades ao definir colonizar: impoñer un dominio político e económico, e tamén unha cultura allea. Colonizar é converter un país en colonia. A palabra colonización (mais outras da familia como colonia, colonialismo, colonizador etc.) aparece con frecuencia na obra do chairego, e era un termo clave no debate político do momento e no discurso nacionalista dos últimos 60 anos. A través do mesmo expresábase unha nova interpretación do que viña sucedéndonos historicamente.

Capa de Cantos rodados para alleados e colonizados
Tapa de Cantos rodados para alleados e colonizados

Se ben o termo colonización puido ter influencia do francés colonisation (documentado xa a mediados do XVIII), a orixe do substantivo colonia sitúase directamente no latín colonia -ae, emparentado con colonus -i, que para os romanos tiña primeiramente o significado de ‘labrego’, ‘agricultor’, de onde pode xurdir a asociación cos habitantes que repoboan un territorio. Dentro do Imperio de Roma, a colonia era unha cidade fundada por cidadáns romanos nos territorios conquistados. No século XIX, a palabra cárgase do sentido político co que se vai estender na lingua moderna ao tempo que vai crecendo a súa familia léxica.

Descolonización é o antónimo desta voz, e os textos de Manuel María son en gran medida pasos de loita neste camiño, partindo dun decidido monolingüísmo e un enfoque que sitúa o país no centro da súa obra.

2

compromiso

Obrigación que alguén contrae por un acordo, documento, promesa etc.

Manuel María morreu o 8 de setembro de 2004. O 4 de xullo de 2015, a Academia anunciou que sería o autor das Letras 2016. Ambos os dous días, a palabra que máis repetiron os medios foi compromiso, unanimidade que acredita que esa máis ca ningunha outra foi a máxima que guiou o seu percorrido vital. Manuel María era un home comprometido coas súas ideas e co seu país, que fixo corresponder pensamento e acción, tanto na militancia política –onde foi candidato, organizador e persoa activa en diversos partidos e organizacións nacionalistas–, coma na defensa inquebrantable da lingua.

Manuel María foi candidato do BN-PG nas eleccións xerais de 1977
O compromiso de Manuel María levouno a encabezar a candidatura do BN-PG pola circunscrición de Lugo en 1977

De alguén que ten un compromiso (adquirido por contrato, por unha promesa de matrimonio ou por coherencia coa súa ideoloxía) dicimos que é unha persoa comprometida. Ambos os dous, substantivo mais adxectivo, vincúlanse co verbo comprometer, que herdamos directamente do latín compromittere, cun participio pasado compromissus, -a, -um, de onde se forma, xa no propio latín, compromissuum, con idéntico significado ao substantivo que empregamos hoxe en día. A irregularidade da familia léxica correspóndese daquela, neste caso, coa morfoloxía etimolóxica.

3

clandestinidade

Calidade ou situación do clandestino (Que se fai ou que actúa sen autorización, á marxe da lei)

39.8
O luns 13 de xaneiro de 1969, na falcultade de Ciencias políticas e económicas da Universidade de Madrid, nun acto público, Manuel María recita os seus poemas.
 Por participar no evento, o réxime franquista inicia un expediente contra o poeta, impoñéndolle unha multa de 75.000 pesetas, o que no momento supuña o importe dun salario medio anual. Paga a pena ler a información da noticia de El Progreso, preme na imaxe para ampliar.

Unha das  consecuencias da ditadura do xeneral Franco foi a censura e persecución de calquera actividade contraria aos principios do réxime de terror establecido. Mais, como non é posible prohibirlle a ningún ser humano que pense e reaccione fronte a unha realidade opresiva, as mulleres e homes que loitaban contra o sistema tiveron de facelo na clandestinidade, isto é, agachándose dos ollos do goberno, da administración e dos seus colaboradores. Manuel María participou intensamente na reorganización política dos partidos nacionalistas, entre os anos 60 e metade dos setenta, cando remataría a súa loita clandestina e se presentaría ás eleccións xerais de 1977 polo BN-PG, encabezando a candidatura pola provincia de Lugo.

Clandestino é un adxectivo que xa se localiza co mesmo valor no latín clandestinus -a -um, o cal, segundo din os etimoloxistas, estaría relacionado co verbo celare, que para os romanos tiña o significado de ‘ocultar’ ou ‘esconder’. Clandestino e ilegal son palabras relacionadas, que comparten un ámbito semántico común e poden ser intercambiables en certos contextos de uso, mais con todo non hai que consideralas sinónimos totais, xa que alén de situárense á marxe da lei, o específico das actividades clandestinas é que se realicen de maneira oculta, agachada, como se desprende do sentido etimolóxico.

4

chá

Sen desniveis, igual en todas as súas partes / (figurado) sinxelo, natural

A comarca da Terra Chá está formada por nove concellos: Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Xermade e mais Vilalba, a capital. É a máis extensa de todo o país e bautizouse co trazo máis característico da súa xeografía. O adxectivo chan (feminino chá) serve para describir o terreo ou a superficie onde non se aprecian desniveis, a terra que non é abrupta nin escabrosa. Créase por evolución patrimonial a partir do latino planus -a -um, que conservamos por vía culta en palabras como plano -a, planicie e outros membros da familia léxica.

Tapa da segunda edición de Terra Chá
Tapa da segunda edición de Terra Chá

Na Terra Chá naceron algúns dos homes e mulleres máis recoñecidos no noso sistema literario e cultural, como o propio Manuel María lembrou no seu discurso de ingreso na RAG, en 2003, A Terra Chá: poesía e paisaxe (PDF). Amais del mesmo, Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé María Díaz Castro, entre outros, son autores imprescindibles das nosas letras como expresou con xusteza o homenaxeado de 2016 cando afirmou que “ninguén dubida que a Terra Chá é unha patria poética”, pois non só supuxo unha feliz coincidencia que varios dos nosos mellores autores sexan chairegos de nacemento senón que a comarca foi horizonte de inspiración recorrente nos seus poemas, nunha identificación tan fonda que a paisaxe chega a entenderse como proxección da propia persoa:

Ollada a Terra Cha dende as alturas
é semellante a un mar en calma.
Pra medila só valen dúas mensuras:
¡ferrados de corazón, fanegas de alma!

5

xistra

Chuvia ou neve acompañada de vento forte e xélido

Ao comezo da súa etapa en Monforte, Manuel María puxo en marcha a Editorial Xistral (1968-1975), dedicada á publicación de obras na nosa lingua, e que abrigou tamén unha colección específica de poesía, Val de Lemos, onde viron a luz os versos de grandes poetas como Celso Emilio, Bernardino Graña, Fiz Vergara Vilariño ou Margarita Ledo. Xistral foi tamén o nome que escolleu xunto coa súa dona Saleta, para a libraría que ambos os dous atendían nunha das galerías da cidade –a primeira en ofrecer un catálogo rico e numeroso de obras no noso idioma–. A través de ambas as dúas, a editorial mais a libraría, levouse adiante un importante labor de dinamización cultural.

FelicitacionNadal1970
Polo Nadal a Libraría Xistral distribuía unha felicitación cun poema de Manuel María. Esta é a do ano 1970. [A imaxe amplía ao premer nela]

A palabra xistral foi moi significativa para Manuel María e está presente desde o mesmo inicio da súa andaina como poeta e editor xa que foi suxerida por Luís Pimentel para darlle nome á revista poética que, canda o seu compañeiro Manuel Antonio Sopena, bota a andar en 1949, e onde el mesmo publicará os seus primeiros versos. A epígrafe daquela primeira Xistral era “Revista lucense de creación poética” e só chegaron a ofrecerse dous números.

Malia que nos dicionarios modernos a xistra vén definida como a chuvia ou neve que chega canda o vento máis frío, con anterioridade –xa aparece nas notas de Sarmiento– identificouse coa planta que ten por nome científico Meus athamanticum. Parece que noutrora sería abondosa no nordeste galego e por esa razón habería nesta zona múltiples topónimos formados sobre xistral. A poderosa Serra do Xistral, foi o motivo de inspiración para Pimentel e logo para o seu amigo Manuel María á hora de poñerlles nome aos seus proxectos.

6

procurador

Persoa que, coa debida habilitación legal, representa nun xuízo criminal ou civil a cada unha das partes

En Monforte de Lemos, Manuel María vai exercer como procurador dos tribunais ata a xubilación. Este labor profesional foi a razón de que o poeta pasase case corenta anos (de 1958 a 1995) entre instancias, notificacións e todo tipo de documentos administrativos. Mais sorprendentemente o poeta chairego tamén soubo facer deses textos burocráticos materia literaria, algo que se deixa ver moi ben nalgúns dos seus libros de poemas máis recoñecidos, como poden ser Documentos persoaes (1958) ou Proba documental (1968). Neles, a terminoloxía xurídico-administrativa aprovéitase cunha clara intención satírica e de denuncia social, valéndose da retranca.

Fragmentos de cartas profesionais de Manuel María como procurador
Fragmentos de cartas profesionais de Manuel María como procurador que ven a luz por primeira vez. É ben fixarse nas datas

Na Roma antiga, entre os membros da maxistratura, sitúase o procurator, un cargo que en principio estaba relacionado coa administración das finanzas pero que co tempo foi ampliando os campos de intervención. A denominación partía do verbo procurare, que tiña entre outras acepcións as de ‘tratar negocios alleos’, ‘administrar’ e ‘governar’. Co paso ao romance, conservamos o verbo mais unha cumprida familia léxica de derivados. Entre os documentos desa época dispoñibles, hai abondas “cartas de procurazón”, polas que alguén lle outorgaba a outra persoa o poder de facer en seu nome algunha cousa, tal e como se enuncia nunha recollida no mosteiro de san Clodio do Ribeiro, Ribadavia, con data de 1295: “Sabean quantos esta carta uiren conmo eu Eynes Fernandez faço meu procurador verdadeiro et suffiççente meu marido Gomez Eanes, portador desta carta, para procurar et aministrar per min et en meu nome todollos meus bẽẽs […]”.

7

poeta

Persoa que escribe poesía

En Con pólvora e magnolias (1976), Méndez Ferrín retrata a figura de Manuel María, amigo amais de colega e camarada:

     Veleiquí o poeta
     irmán, innecesariamente evocado en outono
     porque hai mil anos
     que nacemos xuntos na cunca de pedra do noso idioma
     e convivimos agres.

Poeta é a palabra escollida para o describir (destacando na posición final do verso), non só no poema de Ferrín senón tamén nos máis dos textos de todo tipo que se fixeron sobre el, e esta escolla resulta significativa por tratarse dun autor tan prolífico, con produción abonda en diferentes xéneros, e que levou a cabo asemade unha actividade intensa en varios outros campos da cultura e tamén da política. Déixase ver que detrás dela non está só a referencia a un oficio senón tamén a unha condición persoal, pois poesía é ademais, como recolle o Dicionario, “un efecto especial (…) que se pode atopar en todas as ordes da vida”.

A presenza da palabra poeta na nosa lingua é tan antiga coma o propio oficio, e chega ata ela, polo latín poeta -ae, desde o grego poietés, que tiña en orixe un sentido máis aberto, nomeando a persoa que crea algo (a partir do verbo poiein ‘crear’), aínda que moi pronto se fixou como nome do facedor de versos. Malia que por moito tempo foi habitual empregar o feminino derivado poetisa para denominar a muller que escribe poesía, na actualidade, o máis común é tratar poeta como un substantivo invariable, cunha forma única para masculino e feminino, de xeito que a determinación xenérica se deduza do artigo que o acompaña ou por outro tipo de indicacións contextuais.

Do conxunto da súa obra, máis de cincuenta títulos pertencen ao xénero poético, pero ademais publicou textos narrativos, ensaio, teatro e literatura infantil e xuvenil. Manuel María foi, ao mesmo tempo, conferenciante e colaborador habitual da prensa e mesmo chegou a gañar, en 1976, o primeiro premio no I Concurso de Guións cinematográficos de Nós. Cinematográfica galega, un de entre os moitos recoñecementos que obtivo ao longo da súa vida.

Podes escoitar a Manuel María nestas gravacións inéditas, recitando dous dos seus poemas: “Poema do anceio morto” de Morrendo a cada intre, publicado en 1952, e os primeiros versos de Terra Chá (1954).
[As imaxes que acompañan o reprodutor pertencen á Casa Museo Manuel María]

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir