
Este coñecido lema latino (“se queres a paz, prepara a guerra”) coméntase que foi o seguido polos gobernantes que acabaron levando os seus países á I guerra mundial, ata tal punto que os anos anteriores ao conflito reciben o nome de "paz armada". A tensión entre os estados era de alta voltaxe e o remedio que se buscou foi modernizar e amontoar armamento.
Todo o que avanzara ata daquela a ciencia, a técnica ou os medios de produción e transporte utilizouse ao servizo da guerra, fundamentalmente para perfeccionar as maneiras de matar, (aínda que tamén no eido defensivo, para evitar morrer). E a mudanza fora considerable desde mediados do século XIX. Como terrible consecuencia disto, o número de vítimas e feridos estremece, e así o deixaron claro os cronistas da época, entre deles a pioneira Sofía Casanova. A ela e a varias das palabras que empregou nas súas noticias dedicamos este outro Setestrelo.
O gran paradoxo é que nin sequera os mandos militares eran conscientes de que as novidades técnicas debían supoñer tamén mudanzas tácticas e as estratexias iniciais tiñan máis que ver cos tempos de Napoleón ca cunha guerra moderna. E, malia que defendamos un mundo sen armas, hai que recoñecer que as necesidades bélicas se nutren dos descubrimentos e mesmo ás veces os fomentan. Para dicir verdade, moitas cousas da nosa vida cotiá proceden de solucións que se buscaron en tempo de guerra, como as latas de conservas, o reloxo de pulso ou as cremalleiras.
Van aló cen anos desta desfeita e non demos aprendido. De feito, cando unha opción bélica deixa de se utilizar é unicamente porque se substitúe por outra máis avanzada. Co desexo de que pare esta carreira, imos repasar algunhas novidades que fixeron que esta contenda se considerase a primeira guerra moderna.