1. Construción, polo xeral dos suburbios e barrios pobres das cidades, feita con materiais cativos e de moi reducidas dimensións, que se utiliza como vivenda sen que reúna uns mínimos requisitos para tal fin / 2. Pequena construción, comunmente de madeira, que pode servir ben para gardar útiles de labranza ou pesca, ben como almacén de froitos ou refuxio de pastores.
A segunda acepción deste substantivo como ‘unha construción pequena de madeira que serve como almacén ou refuxio’ esta moi próxima do significado que tiña o étimo na lingua de orixe.
A palabra provén da forma txabola, que é unha ‘cabana’ ou ‘construción pequena e pouco elaborada, feita con materiais sinxelos’. Euskal Herría é terra de gandeiros e bosques densos, por iso, non é estraña a existencia dunha edificación non estable para se resgardaren os pastores e os leñadores en caso de necesidade, e onde tamén se podían deixar os apeiros; nos distintos dialectos do vasco, o termo presenta varias formas: txabola, txaola, e etxola, o que indicaría antigüidade na lingua. Probablemente procede do francés antigo jaiole ‘gaiola’, que, á súa vez, viña do latín caveola ‘gaiola pequena’, de onde nace tamén a nosa gaiola.
Da construción humilde e inestable, a palabra pasou a utilizarse para chamarlle ás vivendas de peor calidade localizadas en zonas urbanas pobres, as que non cumpren os requisitos mínimos de habitabilidade, que, dependendo do contexto, tamén poden ser citadas baixo outras formas eufemísticas, como infravivenda.