Das festas que celebramos ao longo do ano, e celebramos unhas poucas, o Entroido é a máis desenfadada e desenfreada de todas. Nas versións máis ancestrais das súas orixes, formaría parte dos ritos vinculados ao inverno, concretamente á fin do frío máis rigoroso e á chegada da época propia para sementar e, segundo isto, a finalidade das máscaras sería a de espantar os malos espíritos das colleitas.
E é que o máis típico do Entroido, deixando á parte as comidas, é andar de carauta posta, chocallando e trangallando, é dicir, correndo o Entroido, procurando que non che caian uns lategazos ou unha presa de formigas. No Entroido permítese todo, menos pasar del.
Con tanta mascarada non resulta doado sabermos quen é quen. Daquela, neste setestrelo, dámoslles un repaso a algúns dos personaxes máis recoñecidos do noso Entroido.