Sete sombras de gris

Un gran novelista brasileiro, aló en 1990, ante a pregunta de que lle parecera o primeiro best-séller dun seu veciño, escritor místico de grandes éxitos, afirmou: nem li, nem gostei. E esa é a resposta que estamos dispostos a darlle a calquera que nos pregunte polo libro das Cincuenta sombras de Grey, xa que o que máis nos gustou del é, sen dúbida, o título.

Hai libros, películas e outros fenómenos da comunicación cultural que enganchan e conseguen éxito apenas cun bo rótulo de portada (tamén temos que dicir que, neste caso, acompañado dunha inmensa campaña de mercadotecnia). O caso é que o inglés orixinal Fifty shades of Grey, chegou á península como “50 sombras”, malia que shade ten matices distintos aos da canónica shadow, pois significa, tamén, “cor producida por unha mestura de pigmento ou colorante que ten negro”. Velaí unha posible razón pola que ao portugués brasileiro se levou como Cinquenta tons de cinza.

Sexan sombras ou tons de cinsa os que vernizan o protagonista, Christian Grey, parece claro que son cincuenta, porque así nolo di el mesmo no primeiro libro desta triloxía adscrita a unha tipoloxía chamada fanfic ou fanfiction, é dicir, relatos de ficción escritos por admiradores dunha obra literaria ou dramática –películas, novelas, programas de TV etc.–, neste caso de Crepúsculo, unha serie de catro libros de vampiros dirixido a un público xuvenil.
Dise que o xenial Borges comentou do seu compatriota, o escritor e diplomático Eduardo Mallea, “ten unha notable capacidade para elixir bos títulos”, ao que ameceu “é unha mágoa que se obstine en engadirlles libros”. Sexa como for, nós quedamos coa mellor parte deste fenómeno mediático para tentar pintar algunhas das sombras, no noso caso, apenas as sete dun Setestrelo.

1

gris

Que ten a cor que resulta da mestura do branco e do negro.

A medio camiño entre a luminosidade total do branco e a ausencia absoluta de luz do negro, atopamos o gris, unha cor acromática que se emprega para compensar as primarias e que non resulten moi agresivas. Precisamente por estar no medio, asóciase coa neutralidade, a indecisión ou mesmo a falta de enerxía, e desta relación xorden outras acepcións, como “que non destaca” (unha persoa gris) ou figuradamente “que é escuro e triste” (un día gris).

Até nós, esta palabra chegou probablemente a través do francés, asociada ao comercio peleteiro, en concreto como denominación da pel do esquío gris, que se empregaba para forrar, e que chegou a ser moi apreciada e ter moita sona, polo que o cualificativo gris acabou por ser suficiente para identificala. A orixe deste adxectivo temos que buscala no occitano, que á súa vez bebe da forma idéntica gris do fráncico, unha lingua indoeuropea do xermánico occidental.

Ao redor do gris xorden termos como agrisado, descrito no Dicionario como “de cor tirando a gris”, o que supón aínda un paso máis na indefinición.

2

amoucado -a

Ceo que ten un aspecto gris e triste.

Esta palabra, derivada do verbo amoucar, mediante o sufixo –ado, –ada –construción propia dos participios–, non ten unha orixe moi clara, mais a hipótese máis verosímil é que se construiría partindo de mouco “que fala pouco, de poucas palabras” e que este termo, posiblemente, procedería á súa vez do étimo latino mutilus, co significado de ‘roto’ ou ‘mutilado’.

Alén da acepción que garda relación coa variedade cromática da atmosfera, o Dicionario recolle para amoucado e amoucar outro valor semántico que ten que ver co estado de ánimo, en concreto con “sentirse sen enerxía ou sen ánimo por causa dunha enfermidade, unha molestia, un suceso desgraciado etc., mostrándose triste e apagado”. O vínculo entre os dous sentidos podería xustificarse mesmo desde o ámbito científico, xa que existen estudos de psicoloxía sobre a influencia das condicións meteorolóxicas no comportamento.

3

sombreado -a

Que ten sombras ou está na sombra. / Acción e efecto de sombrear.

Tal e como se recolle no DRAG, os dous significados principais desta palabra aluden, ben a un lugar con sombras, ben aos derivados do verbo sombrear. No primeiro caso, relaciónase con outros adxectivos de uso máis común, como sombrío ou sombrizo, que ademais parecen ter a connotación de ‘temperatura baixa’, de xeito que se dicimos dun sitio que é sombrizo, probablemente tamén entendamos que é un sitio desapracible, onde se sente frío.

Canto ao verbo sombrear, que aparece definido no Dicionario como “marcar con trazos ou cores as sombras”, a orixe hai que buscala na palabra sombra, que xorde da construción latina sub umbra, co significado de ‘debaixo da sombra’, algo moi semellante ao que acontece en penumbra, que procede de paene umbra ‘case sombra’.

O sombreado é unha técnica pictórica que consiste no emprego de distintas capas de pintura mesturadas con conxuntos de liñas paralelas moi próximas, cruzados entre si, utilizando o pincel a xeito de pluma, para proporcionarlle á imaxe profundidade, ton e sombra. É unha modalidade que tivo unha grande aceptación na arte da Florencia de mediados do século XV, sendo Leonardo da Vinci un dos máis afamados expertos no seu uso, desde onde logo se estendeu ao resto de Europa.

4

marengo

Gris escuro, case negro.

Marengo (Bosco Marengo) é un lugar do Piemonte (Piemont, en piemontés e occitano) onde tivo lugar unha histórica batalla homónima o 14 de xuño de 1800, cando o exército de Napoleón se impuxo ás tropas austríacas, forzando a súa retirada da maior parte da Península Itálica.

Desde o punto de vista léxico, este topónimo tivo unha ampla extensión, xa que serviu para lle dar nome a unha multitude de rúas e prazas no país galo, e en diferentes colonias francesas, así como para bautizar  especies de insectos, teas ou mesmo unha popular receita chamada polo ao marengo, onde a ave se cociña con múltiples aderezos, como olivas, cogomelos, tomate, ovos e cangrexos de río, arremedando –supostamente– o prato improvisado polo cociñeiro de Bonaparte ao remate da batalla, cos alimentos que os soldados puideran recadar na aldea destruída.

A razón de que o nome deste lugar se converta en epónimo para unha tonalidade de gris, é tan incerta como definir con exactitude o ton, chegando a dicirse que foi por asociación coa cor dun dos cabalos que Napoleón montou nesta batalla.

5

plúmbeo -a

Que ten a cor ou outras calidades do chumbo.

A partir do latín plumbeus, -a, -um, adxectivo empregado para referirse a materiais que inclúen o chumbo na súa composición, chegan ata nós diferentes palabras desta familia léxica, relacionadas no seu significado, pero con dúas ben diferentes evolucións formais: o grupo de consoantes pl– deu nas palabras patrimoniais ch-, e por iso temos chumbo, chumbada ou chumbeiro. Porén,  as consoantes mantéñense sen alteración nas palabras cultas, como é o caso de plúmbeo ou plúmbico.

O chumbo é un metal que foi moi empregado na antigüidade pola súa abundancia e tamén pola facilidade da súa fundición, e que se usou frecuentemente para a condución da auga, a fabricación de bañeiras ou en finas láminas que servían para documentar as persoas. Segundo diferentes propostas etimolóxicas, o latín e mais o grego beberían dun leito lingüístico mediterráneo común e o termo podería proceder dalgunha lingua da Península Ibérica, onde había importantes minas do mineral que fornecían todo o Imperio.

6

pedrés -esa

Persoa co pelo que ten mestura de cores negra e branca.

Cando o cabelo comeza a ter vetas brancas, mirado a unha certa distancia, a mestura resultante lembra distintas gamas de gris e a este efecto e tonalidade podémoslles aplicar os adxectivos pedrés ou pedresa, probablemente relacionados coa palabra pedra, tendo a súa orixe etimolóxica no latín petrensis, -e, que podemos traducir por ‘de pedra’. Mesmo é posible aventurar –ao ser unha forma do galego antigo que hoxe en día só existe no noso idioma e no portugués– que a imaxe se construiría por analoxía co granito, tan característico de noso, onde a mestura de seixo, feldespato e mica produciría o efecto dun cabelo con canas.

Pedrés ten, a maiores, unha acepción vinculada coa pelaxe de certos animais –como galiñas e équidos–, que daría frases do estilo de cabalo pedrés ou galiña pedresa.

7

cinsento -a

De cor gris semellante á da cinsa.

Cinsento vén de cinsa máis –ento, onde esta terminación serve para crear adxectivos co significado de ‘que ten’, tal como sucede en graxento ‘que ten graxa’ ou fariñento ‘que ten fariña’. Pola súa banda, cinsa ten orixe nunha forma transformada do latín vulgar cinisia que substitúe ao clásico cinis, cineris,’ruína’, ’amor gastado’, ou propiamente ‘cinsa’. Da mesma procedencia e significado, conservamos o sinónimo culto cinéreo –a, neste caso a partir do adxectivo cinereus, -a, -um, onde a forma da palabra practicamente non muda desde o tempo dos romanos ata hoxe, e que nun rexistro máis coloquial podemos substituír por borrallento ou aborrallado, os dous derivados do substantivo borralla, isto é, o “po ou conxunto de residuos que quedan de algo que se queimou totalmente”.

Ademais dos valores relativos aos restos da queima e o seu cromatismo, cinsento –a tamén acolle outros matices como ‘sen luz’, se llelo aplicamos aos días que están cargados de néboa, dando a sensación de que o ambiente está envolto por cinsa en suspensión, ou tamén ‘escuro’ ou ‘triste’,  onde non pode esquecerse a referencia á adaptación que no século XVII o contista francés Perrault fixera do conto popular sobre unha desafortunada rapaza coa roupa a cotío chea de cinsa, Cinderella, a Cinsenta ou a Borrallenta.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir