A palabra palíndromo procede da combinación do grego pali ('outra vez') e dromos ('carreira') e designa un conxunto de letras que se len igual do dereito ca do revés, isto é, da dereita á esquerda e da esquerda á dereita. Os palíndromos poden ser palabras illadas ou frases enteiras, e cando se trata de cifras no canto de letras, fálase de números capicúa, do catalán cap i cua ('cabeza e cola').
Os palíndromos coñécense desde o tempo dos romanos (sator arepo tenet opera rotas): ás veces, aparecen espontaneamente sen motivo (por exemplo, en antropónimos como Anna, Otto e Bob ou topónimos como La Sal, Salas, Oruro, Laval, Navan, Qaanaaq ou a cidade arxentina de Neuquén), mentres que outras provócanse intencionadamente (como puido pasar para varias especies de Pokémon, no nome da bailaora Sara Baras ou o grupo ABBA). Con este tipo de estruturas lingüísticas poden chegar a compoñerse libros completos, como a A torre da derrota de Gonzalo Navaza, sen esquecer que a simetría é tamén o principio creativo de certas sinfonías (de Webern, Haydn, Handel e Bach ata Sigur Rós) ou a clave de determinadas estruturas biolóxicas, como o ADN.
Neste Setestrelo están sete palíndromos que podemos atopar no Dicionario; ben que se poderían conseguir outros de considerarse os femininos e plurais de nomes e adxectivos (sopapos, seres etc.) ou as formas flexionadas dos verbos (sometemos ou aviva), escollemos os que aparecen como lemas no DRAG.
Amina aromática primaria, incolora e pouco soluble en auga, que se obtén por redución de nitrobenceno.
A cor azul forte típica dos pantalóns vaqueiros obtense cunha tintura feita deste composto, illado nos laboratorios alemáns do XIX por destilación do índigo, que como o seu nome indica procedía da India e do Índico, a partir do arbusto homónimo, tamén coñecido como anil.
Chamado popularmente o “ouro azul” (polo seu aproveitamento e a relevancia que acadou no comercio de tinturas), o termo anilina créase engandindo o sufixo á base anil, do árabe al-nil, asimilado en annil, que á súa vez vén do pérsico nila e este do sánscrito nili ‘índigo’, de nilah ‘azul escuro’.
Explicación filolóxica ou doutrinal dun texto difícil ou disentido, fundamentalmente das Sagradas Escrituras.
A palabra grega ekseguesis deu na nosa lingua este termo, que escribimos ben con dobre < x > exexese, ben substituíndo o primeiro por < s > esexese, para facelo máis doado de pronunciar, ao tempo que se transforma nun dos palíndromos máis longos do Dicionario (con anilina e recocer). Para os gregos, ademais dunha ‘exposición de feitos históricos’, era un ‘comentario’ ou ‘interpretación’. Resulta de combinar o prefixo ex– ‘fóra’ co verbo hegéomai ‘guiar, conducir’, cun valor moi próximo ao actual xa que a esexese é o que nos guía ou orienta cando nos atopamos “fóra” do texto, axudándonos a penetrar no seu significado.
As Normas din que, cando nunha mesma palabra aparece dúas veces o < x > en posición intervocálica, podemos escoller entre manter a pronuncia etimolóxica (con grafía < x > lida como /ks/, como en exame) ou simplificar o grupo consonántico e pronunciar /s/, escribindo esexese ou esaxeración, esaxerar, esixencia, esixir etc. Esta norma non rexe para as palabras compostas como lexicoloxía ou as formadas co prefixo ex– de creación moderna.
(1) Planta da clase das dicotiledóneas, propia dos países tropicais, de tronco moi ramificado, follas alternas lanceoladas, flores solitarias abrancazadas e froito aromático de forma semellante a unha mazá, da que existen diversas especies. // (2) Na Roma antiga, imposto sobre as colleitas do ano ou servizo administrativo encargado de recoller este tributo e distribuílo.
Os significados de anona son tan dispares coma as súas orixes, xa que en realidade baixo esta forma idéntica temos dúas palabras homónimas sen ningunha relación entre delas, para alén da súa morfoloxía.
O nome da planta nace da denominación que se lle daba nos territorios onde é endémica – anón, nas linguas indíxenas dos Caribes-, de xeito que Annona acaba sendo tamén o nome científico deste xénero de plantas. Esta denominación aplícaselles a varias especies comestibles moi distintas, algunhas con protuberancias, outras con escamas e outras con facetas algo convexas (a chirimoia ou a guanábana entre outras, con nomes científicos Annona cherimola, A. muricata, A. reticulata e A. squamosa). Nalgunhas delas, as sementes son tóxicas.
Por outra banda, o nome do tributo sobre o cereal vixente na antiga Roma xorde loxicamente no latín, neste caso tendo como base o substantivo annus ‘ano’, por ser o período de referencia para definir este tipo de contribucións vinculadas cos ciclos agrarios.
Aparello que permite descubrir a presenza de obxectos distantes, e determinar a súa natureza, dirección e distancia á que se atopan, mediante a emisión de ondas electromagnéticas que ao seren reflectidas por estes obxectos volven ao punto de emisión.
O nome deste instrumento constrúese xuntando as iniciais de radio detecting and ranging, o nome inglés que se usou nos Estados Unidos e que acabou impoñéndose ao empregado nas Illas Británicas radiolocation. Este procedemento morfolóxico chámase acronimia e está na base de moito léxico de nova creación vinculado ás tecnoloxías, como módem (modulator-demodulator), láser (light amplification by stimulated emission of radiation) ou mesmo a palabra informática (information automatique).
Por tratarse case dunhas siglas, radar escribíase inicialmente con maiúsculas, se ben ao asentarse plenamente na lingua, pasou a grafarse en minúsculas, coma calquera substantivo común. A adaptación ao noso idioma supón asemade un cambio de pronuncia e de tonicidade, de grave a aguda.
1. Fretar coas uñas de modo máis ou menos forte unha zona do corpo onde se sente proído. / 2. Pelar un terreo arrincando as herbas de raíz ou case, xa sexa cavando, pacendo o gando etc.
Para coñecer a orixe deste verbo, hai que ter presente que se trata en realidade dunha forma posiblemente derivada do romance castelán arañar, suprimindo a vogal inicial, o que se coñece como aférese. Mais con isto non queda resolta a cuestión, xa que o étimo de arañar é controvertido e os especialistas propoñen diferentes hipóteses, entre as que queremos destacar dúas.
Podería estar emparentado co latín arare, de onde tamén o noso arar. Por extensión de significado, os sucos da terra pasan a ser as marcas na pel que deixa quen araña ou arrabuña.
Outra posibilidade é que a evolución se interprete a partir do substantivo araña (do latín aranea), quizais pola semellanza entre as patas do animal e certos aparellos con dentes de ferro ou madeira que se empregan para cavar a terra, como o angazo ou o raño.
Ler de novo, volver ler.
Coincide na nosa lingua que o infinitivo dos verbos palíndromos da segunda conxugación poden presentar varios prefixos de alto rendemento como re– ou retro– (e tamén menos frecuentes, como reo-). O prefixo combínase facilmente con verbos monosílabos, que por ser máis curtos permiten mellor a inversión para o palíndromo, como é o caso de reler.
Mentres que noutras linguas románicas a evolución do latino legere (‘escoller’, ‘elixir’) produciu herdeiros menos homoxéneos (o castelán leer, o francés lire, o italiano leggere), en galego e portugués simplificouse ata ler, totalmente regular na súa conxugación.
Outros verbos palíndromos que tamén comezan por re– son reter e rever, encadeados en "reter e rever para prever e reter", proposta polo recoñecido palindromista brasileiro Rômulo Marinho, quen publicou varios poemarios palindrómicos como o Palíndromo da zorra ou o Palíndromo do amor total.
Conxunto de ovos ou larvas de certos insectos da orde dos dípteros, en particular do moscón, depositados na carne morta ou nas materias orgánicas en descomposición.
Igual que os infinitivos palíndromos teñen de comezar por < r >, os plurais deben iniciarse con < s >. De todos os sinónimos posibles para chamarlle a estas larvas (areixa, arenga, besa, careixa, chamiza, sen, touciñeiro, vareixa), seses é o único que se usa sempre en plural, de aí que sexa unha das poucas entradas do Dicionario que non vai na forma de singular.
A palabra orixinal singular procede do latín cimex, cimicis, que xa daquela significaba 'verme' . Desta mesma orixe tamén apareceron no galego as palabras chincha, cun posible derivado chinchilla e probablemente chisme.
As sapas son tamén palíndromas, tamén plurais e tamén relativas a estados degradados da carne, neste caso viva, pois teñen o significado de "vexigas bucais do gando".