Somos uns enchedoiros

O acto que máis nos autoafirma é comer. Poderiamos dicir que é unha actividade patriótica. Somos así, encántannos as papatorias, sexan na casa ou nas festas gastronómicas. Isto ben se nota nos bandullos mais tamén no Dicionario, xa que nel atopamos montes de formas diferentes de chamarlles ás xuntanzas nas que se come e bebe a esgalla, aos excesos de comida e bebida e tamén, por suposto, ás persoas que comen sen taxa. E estas palabras non son só descritivas. Hai algunhas tan afiadas que, de querermos ofender, podemos empregalas como armas. Tamén moitas delas xogan co dobre sentido.

Imos logo comentar sete formas curiosas de dicirlle a alguén que é un auténtico pozo sen fondo.

1

chapón -ona

Que come con avidez e en exceso.

Se estamos en temporada, que mellor maneira de empezar unha paparota que cunha boa fonte de pementos fritidos! E se os comensais son auténticos chapóns, mellor que as fontes sexan moitas e cumpridas, coma as que se serven na festa do pemento de Arnoia (Ourense), todos os primeiros domingos de agosto, desde 1980. Máis de catro mil quilos deste saboroso froito que se chapan entre bailes e charanga na carballeira da Queixeira. E que a ninguén se lle ocorra pensar que o de chapar os pementos significa que as mozas e os mozos das burgas repiten ata memorizalas as propiedades da planta capsicum annuum. Porque ademais “da que estuda moito e destaca máis pola aplicación ca polo talento”, chapona tamén é aquela persoa que nunca se ve farta de comer.

A orixe do verbo chapar é incerta, mais parece moi probable que teña un sentido onomatopeico, polo ruído que se fai coa queixada e a lingua cando un mastiga lixeiro para que non lle acabe o veciño co manxar.

2

gorxón -ona

Que come moito.

Outra moi boa opción para o entrante, dun auténtico luxo, é a do marisco, que mesmo pode compoñer en por si o xantar enteiro, tal e como acontece na Feira do Marisco do Grove. A sona deste evento, que se celebra cada mes de outubro desde 1963, chegou bastante máis aló das nosas fronteiras, o que non é de estrañar tendo en conta a altísima calidade do produto que se oferta: marisco do mellor, cocido ao natural ou noutras presentacións máis peculiares… e a prezos accesibles para os máis. O chiste particular da festa, comelo de pé, aderezado coa conversa animada e o bulicio, entre as actuacións de grupos folclóricos e outros espectáculos de animación. Con tanta algarabía, as arcadas do mercado local énchense de rideiros gorxóns e gorxonas, que o son non só porque falan moito e moi alto, senón tamén porque na súa gorxa se rexistra máis circulación ca nas autoestradas en plena operación saída das vacacións.

O nome gorxón fórmase claramente engadindo un sufixo aumentativo típico á base substantiva gorxa, que procede do latín falado gurga e este do clásico gurges, que orixinariamente tiña tamén o significado de 'precipicio, abismo'.

3

papón -ona

Que goza comendo ou que come en exceso.

Imos agora cun bo asado de carne e unha ben saborosa maneira de o facer é ao estilo pampeiro, isto é, con lume vivo e non con brasa. Cada vinte e oito de xullo celébrase en Moraña a Festa do Carneiro ao Espeto na que se asan sobre douscentos destes animais, abertos polo medio e cravados no espeto. A orixe remota desta tradición está nos primeiros anos do século XX, cando un veciño emigrante de Moraña, retornado da Arxentina, deu en organizar unha comida campestre con carneiro preparado ao xeito da Pampa. O gusto, e o cheiro, da carne ao lume son en por si embriagadores mais, coma todo o bo, fanse desexar porque o asado pode tardar ata  sete horas en estar preparado; e como o que espera desespera, os papóns disfrazan estas horas con empanadas, viño e charanga.

O nome papón derívase a través do aumentativo sobre o verbo papar, que é, o mesmo ca manducar (do latín manducare): unha forma de lle chamar ao comer en usos coloquiais ou familiares. Procede do verbo latino pappare, que tamén significaba ‘comer’ pero referíndose aos cativos, xa que era derivado de papa ou pappa, unha palabra infantil para pedir comida. Alén de aos que comen coma frades, papóns tamén se lles chama aos que demostran ter pouca intelixencia ou pouca malicia.

4

alarbe

Persoa que come moito e con avidez.

Canda a primeira oferta da mellor carne cómpre propoñer unha boa alternativa do máis exquisito peixe, coma o que hai nas terras do Norte, alá en Burela, o porto líder na captura do bonito, onde cada día tres de agosto organizan unha feira de exaltación deste animal. O bonito prepárase para milleiros de persoas de todas as formas posibles: en empanada, esmiuzado, cocido ou asado á grella etc. E para maior deleite dos alarbes que se concentran en Burela, tamén hai música, e bailas, e mostra de produtos ecolóxicos e artesáns.

A orixe desta palabra atopámola no árabe al-harab, literalmente ‘os árabes’; de feito, malia que hoxe pode cualificarse de anticuado, a palabra aínda conserva este significado, o mesmo ca a súa variante sinónima alárabe. Os alarbes, en oposición aos habitantes das cidades, de costumes moito máis elaborados e refinados, eran os pastores nómades de vida errante no deserto. Probablemente haxa que entender como derivación deste sentido os significados pexorativos de “persoa groseira, ruda, salvaxe e brutal nas súas maneiras”.

5

tripeiro -a

Persoa á que lle gusta en exceso comer e come moito.

Xa estades cheos coma odres? Aínda non! Perfecto, porque este Setestrelo está adicado a auténticos enchedoiros, aos que se senten galegos e galegas, é dicir, largos no penso e co bucho de bo ano. O cocido é por antonomasia a homenaxe ao porco e son necesarios uns bos grelos, e tamén unhas boas fabas, para preparalo en condicións. A mellor escola sen dúbida témola cada mes de febreiro en Lalín, onde o domingo corredoiro, isto é, o anterior ao domingo lardeiro ou de Entroido, ten lugar a recoñecidísima Feira do Cocido. Diante de fontes inmensas rebordantes de cachuchas, chourizos e cachelos, botan tripa milleiros de tripeiros e tripeiras.

Esta palabra constrúese engadindo a terminación –eiro/-eira á base substantiva tripa, idéntica no latín a partir do verbo extirpare, orixinariamente ‘arrincar, extirpar’ e que con posterioridade desenvolveu unha significación relativa a 'abrir o ventre para extirpar os intestinos'.

6

galdrumeiro -a

Que come moito e con avidez, sen coidar a limpeza ou as boas formas.

Calquera lapadoiras sabe que non hai comida completa se non vén da man dun pan en condicións. Tanta importancia ten entre nós este alimento que mesmo cambiamos o enfoque e, no canto de ser el o que complementa, chamámoslle compango a “calquera alimento sólido que acompaña o pan”. E é certo que hai auténticos “pans estrela” como sen dúbida o é, polo seu sabor e a súa conservación, o que se amasa en Cea, onde cada primeiro domingo de xullo hai unha festa de exaltación do que seguramente sexa o produto máis internacional da gastronomía ourensá. Nela os larpáns e larpanas poden gozar de diferentes produtos, todos con denominación de orixe galega, e por suposto do pan, só ou aderezado como base dos máis singulares petiscos.

Galdrumeiro é quen non coida as maneiras na mesa. Derívase a partir de galdrumada, que é unha palabra de orixe incerta para referirse a unha comida ruín e mal feita.

7

preeiro -a

Que come moito.

Para rematar ben a festa, é obrigado termos unha sobremesa á altura. Será por falta de larpeiradas tradicionais, mais mesmo para os que non sexan fanáticos do doce temos unha dobre proposta á que vai ser moi difícil poñerlle mala cara: queixo do país e filloas! Ante iso, quen se resiste? O primeiro domingo de marzo celébrase en Arzúa, desde hai máis de trinta e cinco anos, a Feira do Queixo de fabricación artesá, fresco ou curado, e con denominación de orixe propia. E un par de meses despois, o primeiro de maio, a cita está en Muimenta onde ten lugar a Festa da Filloa; un evento pensado para loar e gozar desta sobremesa e restituír a importancia que tradicionalmente tivo na zona, así como tamén recuperar para as casas as pranchas típicas que se empregaban na súa elaboración.

A palabra preeiro fórmase por derivación sobre o substantivo prea, do latín praeda, que curiosamente tiña o significado de ‘botín’ ou ‘saqueo’. Tamén se lle chama preeiro ao que lle gusta moito a lambonada e por outra banda aos animais que se alimentan de morriña, de prea.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir