Aseguraba Castelao que se aínda somos galegos é grazas ao idioma, pero se atendemos a cuestións menos filosóficas e a necesidades máis básicas, igual podemos engadir que se aínda hai galegos e galegas é por causa das castañas, que supuxeron a principal achega de hidratos de carbono dos nosos devanceiros.
O lugar preponderante da castaña na nosa dieta foino ocupando a partir do século XVIII a pataca, que nun principio se denominou castaña mariña, castaña das Indias ou castaña de terra, o que dá idea da identificación que estableceu a poboación entre ambos os dous recursos alimentarios.
Como non podía ser doutro xeito, dada a súa importancia na nosa cultura, a pegada da castaña no idioma é máis ca perceptible. Non é unicamente que dispoñamos de léxico abondo para o froito en si, senón que tamén todo o relacionado coa súa colleita, preparación e conservación constitúe un campo extenso. Pero, ademais, é recorrente a súa presenza en refráns, expresións fixadas e textos literarios. Pensemos, por exemplo, que o primeiro poema de Cantares gallegos comeza cunha petición feita a unha rapaza para que cante, coa promesa de lle dar, entre outras cousas, zonchos, é dicir, castañas cocidas coa pela. Xa que logo, a obra que inaugura a nosa literatura contemporánea comeza aludindo ás castañas.
Na época de recollida, tiña lugar unha celebración popular consistente nunha reunión festiva arredor das castañas, o magosto. Con tal motivo, imos revisar neste Setestrelo tanto a festa como outros termos relacionados co proceso que se leva a cabo co froito do castiñeiro.