Asociamos o verán co descanso, co tempo libre, coas festas e con pasalo ben. O fenómeno ten unha base científica: a maior exposición á luz nos días longos da primavera e o verán fai que aumenten os niveis hormonais, o que implica que nos sintamos máis eufóricos e, polo xeral, máis proclives ás trangalladas. Se ves que non é o caso, lembra que dicimos “polo xeral”.
Sexa como for, cómpre que tanta hormona, tanta euforia, luz e calor, non se apropie da nosa vontade, non nos aparve ou no peor dos casos nos faga sentir máis cansos ca nos meses de traballo ou estudo. Por tanto acougo e calma.
Hoxe propoñemos sete termos relacionados coas vacacións de verán que poden atacar os nervios e a saúde. Nin son moi longos, nin moi complicados, son, como vimos dicindo, para ler traquilamente e con cachaza.