
Xela Arias foi unha das primeiras editoras profesionais en lingua galega. Vencéllase ao mundo da edición en 1980, ano en que comeza a traballar, con só dezanove anos, como administrativa en Edicións Xerais; dous anos despois incorpórase ao departamento editorial para desenvolver tarefas de revisión e corrección de textos, ademais da organización de actos de presentación e debates literarios. A partir do ano seguinte o equipo profesional aumentou, e as funcións da nosa autora diversificáronse; asemade, dáse a coñecer como poeta e tradutora. En 1989 implicarase persoalmente na creación de novas coleccións e na renovación do deseño da editorial. Logo de dez anos na empresa decide buscar outros horizontes, mais nunca deixou de estar en contacto co este ámbito como traballadora autónoma. Foi, unha vez máis, pioneira no oficio e representou unha referencia que perdura aínda na actualidade entre as persoas que a coñeceron nestes labores. Destácase dela o seu labor rigoroso, co que procuraba que os textos saísen do prelo perfectos, correctos e limpos de calquera posible erro ou gralla. O labor da nosa homenaxeada no mundo editorial foi fundamental na consolidación da norma acabada de estrear, na formación dunha lingua literaria moderna e propia e na aproximación da literatura universal ao galego.