Xela Arias, sete calidades poéticas

Xela Arias, como poeta, é aquela estrela —a primeira que se ve— que reloce no ceo antes que ninguén, e xunto á que logo xa virán outras a facer compaña. Ela foi unha autora singular nos oitenta pero, sobre todo, a inspiración da xeración dos noventa. A autora non cría ser alguén particular, cunhas calidades singulares, polo que dixo na conferencia “¿Para que os poetas hoxe?” pronunciada no Círculo das Artes de Lugo o 4 de maio de 2001. Onde indica que poeta é “calquera no instante en que se demostra capaz de dirixir a ollada cara a un acontecemento, e trata ou consegue dar del unha visión, senón necesariamente inédita, si particular, particular por propia…”; poetas para Arias, podemos ser todas e todos. Non nos pode sorprender estoutro desexo “que nunca, nunca xamais, me diga alguén que non entende de poesía. A poesía non se entende, séntese ou non se sente, faise ou non se fai”.

Daquela imos tentar adxectivar a poesía de Xela Arias para achegármonos á súa obra sen medo.

1

vangardista

Do vangardismo ou pertencente a el

E todo competiu                   para atoparnos
            parados          no borde da praia
o mar e soñando cabalos
soñando cabalos embelesados
Logo non estaban
            Denuncia do equilibrio, 1986

Xela Arias era unha persoa chea de inquedanzas, o que a leva a abordar facetas vitais diferentes. Así, puido ser editora, tradutora, docente, activista e poeta. En todas estas vertentes sempre procura colocarse un paso por diante. Dela dise que ía á vangarda, que segundo o Dicionario son “individuos ou o grupo de ideas máis avanzados, en calquera sentido, con respecto aos do seu tempo”, polo que a cualificaremos coma vangardista. Esa arte poética vangardista e comprometida foi unha constante nos seus catro libros. No seu primeiro poemario, Denuncia do equilibrio, que viu a luz no ano 1986 e foi finalista do Premio Losada Diéguez, xa se intúe ese ir a contra corrente da poesía daquel momento. De aí que presente unha poesía de temática heteroxénea cunha deliberada despreocupación por seguir formas clásicas, na que o que importa é o fondo, e cunha voz que amosa o desacougo da vida cotiá, das emocións e do amor. Todo isto supón unha ruptura coa poesía daqueles anos, amais de presentarnos un código de símbolos propios que serán unha constante na súa obra.

Sen dúbida ningunha, o adxectivo vangardista e o substantivo vangardismo vincúlanse á terminoloxía da crítica literaria e ao movemento literario xurdido en Europa nas primeiras décadas do século XX. Porén ambas as dúas palabras nacen ao redor da palabra vangarda, que, máis alá da acepción literaria, ten estoutra “parte dun exército que vai antes ca o groso das tropas”. Este significado lévanos á orixe da palabra e da súa familia léxica, que encontraremos no termo francés do século XII avant-garde, léxico propio do ámbito militar, e formado por avant ‘diante de’ e garde ‘garda’, que deriva do verbo garder que, asemade, bebe do xermano *wardon ‘protexer’. Daquela, no argot das milicias, a vangarda eran os soldados que ían por diante como protección do resto do exército. Moito máis tarde, os movementos artísticos dos principios do XX tomarían a palabra para definirse como os modernos que van diante do resto da tropa.

2

rupturista

Que implica rupturismo

A cultura
na inocencia non é
máis certa có futuro de esmolantes e perdidos.
                        Tigres coma cabalos, 1990

A crítica di que Xela Arias é unha poeta de difícil clasificación polo sorprendente da súa escrita. Quizais foi intencionado, ou froito, simplemente, da súa propia experiencia vital como escritora, o que a levou por camiños que a afastaban da xeración dos oitenta, onde se podería encadrar a súa produción por idade. O seu segundo libro Tigres coma cabalos, publicado en 1990, é unha nova mostra de ruptura coas formas poéticas que se viñan facendo ata aquela altura: unha obra innovadora que combina os poemas da autora coas fotografías de Xulio Gil, coas que dialogan ao longo das súas páxinas. A pretensión era que un fose a inspiración do outro, por iso elaboraron vinte e catro composicións individuais que logo se intercambiaron para facer unha segunda volta na que engadiren aquilo que lles inspiraba o traballa alleo. Esta combinación dialogada da imaxe fotográfica e do poema era inédita na poesía galega, e resultou a confirmación do perfil rupturista da poeta con todo o que se levaba facendo ata o momento.

O rupturismo defínese como a “tendencia que pretende romper co establecido”, e o partidario del ou do “que implica rupturismo” é un rupturista. Ambas as dúas palabras derivan da voz culta ruptura; porén, tamén temos o equivalente patrimonial rotura. Ambas as dúas veñen directamente do termo do latín ruptura, que significa ‘quebra’, un derivado do verbo rumpere ‘romper’, ‘fender’ ou ‘rachar’. O substantivo latino ruptura deixou por vía culta continuadores nas linguas da Romania, como o demostra que se rexistre a forma no castelán ruptura, no francés rupture, no italiano rottura e no portugués rutura ou ruptura; mesmo tamén encontramos na lingua inglesa, na terminoloxía médica, a voz rupture, que remite ao concepto de fractura dunha perna ou brazo.

3

contestataria

Que pon de manifesto o desacordo con algo que se expresa ou está establecido

Hasme oír;
Agora busco que conxugues
ben o verbo dos posibles,
e que ti esquezas esa radio de cousas previas
amarrada sempre ós pensamentos.
            Intempériome, 2003

Intempériome foi, sen sabelo, a súa derradeira obra; nela fai unha reflexión sobre a súa figura coma creadora e percíbese a madurez e a consolidación como poeta. É un libro que acabou sendo unha despedida. Consta de tres partes de diversa extensión: a primeira parte é E ASÍ QUE SE ME DIN QUE AGARDA, continúa con CORAZÓN CUESTIÓN e finaliza con VENCERSE É COUSA DE SE TRATAR. Defínese polo verso libre e irregular. É unha declaración de desobediencia e unha constatación da vida real na que pretende amosarse á intemperie e fóra da protección dos discursos convencionais, xa que se define coma negra, muller e apestada pola sida. Non é un autorretrato, senón o compromiso cos colectivos que están ou quedan nas marxes da sociedade. A forma e o manexo da lingua convértense nunha maneira de contravir a convención, como demostra o uso particular dos pronomes, a fragmentación anómala das palabras e unha sintaxe fóra do habitual. O poemario é o resultado definitivo e definitorio da arela contestataria que sempre estivo presente na obra e na vida de Xela Arias.

O adxectivo contestatario, -a úsase para cualificar aquel “que manifesta oposición contra algo establecido”. É unha palabra que se forma por sufixación sobre o verbo contestar, cuxa orixe se atopa no verbo deponente latino contestari, que significaba ‘testemuñar’, ‘atestar’ ou ‘contestar’, e que á súa vez se crea desde o latín testis, -is ‘testemuña’, termo que na lingua da antiga Roma pertencía á terminoloxía xurídica. Outra voz que se aproxima semanticamente a esta sería inconformista, da que o Dicionario di “que se opón ao establecido a nivel social, político etc., ou que non se conforma con nada”; fórmase coa aplicación do prefixo in- e o sufixo –ista sobre a voz conforme, procedente do latín conformis ‘consonte’ ou ‘conforme’. Porén, dada a semántica do sufixo aplicado, o adxectivo fai referencia ‘ao que non se conforma’.

4

urbana

Que pertence á cidade, propio dela

Por un paquete de cigarros...
A auga do mar cando me afoga
Son brazos de rúas que cruzan cidades.
Tigres coma cabalos, 1990

Imos expresar un desexo da autora homenaxeada polas Letras Galegas 2021 sobre a poesía: “hai que deixar que saia á rúa, quitala do sillón do lector”. E así o fixo desde os seus primeiros poemas publicados en revistas nos anos oitenta do século XX. Son pezas urbanas, diferentes ás do discurso poético que imperaba no momento, versos escritos por unha muller criada nos barrios populares dunha cidade industrial e moderna: Vigo. Xela Arias quería sacar a poesía da torre de marfil. A investigadora Chus Nogueira dinos que na poesía dispersa previa ao seu primeiro libro xa se podía entrever unha vontade por crear un imaxinario propio e a querenza polos escenarios urbanos. Toma corpo, sen dúbida ningunha, en Denuncia do equilibrio, onde a rúa, enfrontada ao fogar, se converte nun escenario vital recorrente. Esta poesía marcadamente urbana tamén se adiviña en títulos como Viaxe ao extrarradio (1985) e Cidades neón (1986), que posteriormente foron titulados doutro xeito pola poeta na edición publicada en 1986: SE EXCITABLE CAMIÑO RECORRIDO para o de 1985 e POLO PASEO ARRIBA MERGULLEIME para o de 1986.

O adxectivo urbano, -a significa ‘propio da cidade’. É un cultismo que procede directamente do latín urbanus, -a, -um, que tiña unha significación semellante e que remite ao substantivo latino urbs, -is ‘cidade’. No galego tamén se recolle urbe, pero emprégase só para designar ‘unha cidade grande e con moita poboación’. A familia léxica que se crea ao redor deste étimo está formada por urbanista, urbanismo, urbanización e urbanita. Se buscamos a proximidade semántica daquela temos que referirnos ás palabras que se crean sobre o latín civitas, -atis, que significaba ‘cidade’, ‘nación’ ou ‘reunión de cidadáns’, e que só no baixo latín chegaría a ocupar o espazo de urbs, -is; de aí que sexan de uso común nas linguas romances termos como cidade, cidadán, cidadanía.

5

innovadora

Que innova

A unidade componse.
Da desorde.
Desordénome, amor,
e dou co punto
único
do centro dos abrazos.
Abrazo a desorde das ideas
e sei
que a unidade se compón.
A unidade componse.
Da desorde
Intempériome, 2003

Sen dúbida ningunha, Xela Arias foi unha peza clave na renovación da poesía galega de finais do século XX, achegando temas novos e facendo da lingua un elemento flexible que domea ata o extremo máximo. No eido literario, na segunda metade do século XX a poesía social, representada por Celso Emilio Ferreiro, foi seguida amplamente, pero cumpría dar outra visión da sociedade que estaba a xurdir. Desde o punto de vista formal, Méndez Ferrín representaba a renovación nos anos setenta coa súa obra Con pólvora e magnolias, mais cando a lingua se estaba normalizando e normativizando xorde a necesidade do seu emprego nos medios, no Parlamento e no ensino, e a poesía galega debe abandonar o illamento cultural e sumarse ás correntes estéticas universais. É nestas circunstancias que Xela Arias comeza a publicar cunha clara vontade de compromiso cultural, e tamén sendo unha boa coñecedora das correntes literarias que viñan de fóra, o que contribuíu a que a súa escrita sexa definida como innovadora.

O adxectivo innovador, -a procede do latín innovatore, que deriva do verbo innovo ‘alterar’, ‘facer unha innovación’, ‘restaurar’ ou ‘anovar’. A familia léxica que se recolle no Dicionario está formada polas voces innovación, innovador ou innovar, todas elas termos cultos vinculados aos ámbitos da industria e das tecnoloxías, segundo se observa nos usos que atopamos examinando os corpus textuais da lingua aos que temos acceso. Por vía patrimonial, chegáronnos estoutras palabras anovar, anovador, -a e anovo, todas elas coa base novo,  nas que o uso non está restrinxido a eidos específicos.

6

transgresora

Que transgride

Imos, meu ben, camiñar sereno
pola cidade sen ramplas nas aceras. Imos
comeza-lo xeito da túa vida, e mírame,
mesmo as bolsas dos meus ollos serán monecos
dos teus días xunta min.
            Darío a diario, 1996

Dicía Ramón Nicolás nun artigo publicado en La Voz de Galicia en decembro de 2020 que a escolla de Xela Arias como homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xustificábase por ser “a súa voz sólida, independente e transgresora, espellada nunha produción creativa viva e intensa, innovadora e descarnada”; por algo o artigo se titula «Xela Arias: Unha voz transgresora». Sobre Darío a diario, a crítica indica que é a obra en que mellor podemos percibir a Xela Arias transgresora. É un volume onde por primeira vez, en verso, se reflexiona arredor da experiencia da maternidade e dos cambios que trae consigo á vida cotiá da muller. A visión que ofrece a autora non é a prototípica que a sociedade impón, senón outra desposuída de idealizacións, e supón o inicio da revisión do tema da maternidade e da muller que se verá nas poetas dos noventa.

O adxectivo transgresor, -ora procede directamente do latín transgressore que significaba ‘o que transgride’ ou ‘pecador’. Pode empregarse tamén como substantivo, e ao seu carón atopamos unha serie de sinónimos cultos como conculcador, -a “que conculca”, infractor, -a “que infrinxe unha norma ou disposición” ou contraventor, -a. A familia léxica que xorde confórmase con transgresión e transgredir, que proceden do latín transgredi ‘pasar a outro lado’, ‘atravesar’ ou ‘pasar dunha cousa a outra’.

7

libertaria

Que é partidario da máxima liberdade do individuo en materia social e política, e da supresión de todo tipo de goberno ou poder

ONDE O VENTO SEMENTOU eguas
o mar mulleres
                        Denuncia do equilibrio, 1986

Desde os seus comezos confírmase coma unha voz poética explicitamente feminina e rebelde. Di dela súa nai, Amparo Castaño, que “Xela sempre foi unha loitadora” e sinala que loitaba polas mulleres, polo galego, pola xente sen recursos, contra a guerra e, se nos guiamos por Diario de Darío, tamén pretende transmitirlle ao seu fillo que loite por ser libre. Daquela, Xela Arias loita pola liberdade da muller, das clases traballadoras, da lingua galega para ser lingua propia e normal...; a autora pode ser definida como libertaria sen medo a equivocarnos moito. Se lemos a súa poesía observamos que sempre foi libre para rachar coas formas estéticas que imperaban, para crear unha lingua sen normas. En Denuncia do equilibrio propón afastarse dos equilibrios alienantes que impón a sociedade, propón a fuxida, a busca da liberdade que se simboliza nos cabalos.

Libertario, -a é un adxectivo polisémico que se relaciona co concepto ‘partidario da liberdade’. O seu uso inscríbese ao eido das ciencias políticas e, neste ámbito, foi tomado do francés libertaire, de significado parello, e que se crea sobre o substantivo liberté ‘liberdade’, que procede do latín libertate, que ten o mesmo significado. O termo libertaire foi creado e empregado por Joseph Déjacque, escritor anarquista, para usalo en oposición ao vocábulo liberal. Tamén empregou a palabra como cabeceira dun xornal que se editou en Nova York desde xuño de 1858 ata febreiro de 1861. Este adxectivo segue o modelo formativo doutras voces semellantes, como proletario ou igualitario. No ámbito da filosofía, a orixe do termo vincúlase ao inglés libertarian, que o usou Whilliam Belsham en 1789 para designar os ‘partidarios da libre elección’ en contraposición co determinismo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir