Persoa á que se lle atribuía un pauto co demo, do que recibía poderes para realizar meigallos, adiviñar o futuro etc.
Roald Dahl foi un aviador inglés. Sobreviviu a un accidente aeronáutico en África que inspirou o filme O paciente inglés, participou na II Guerra Mundial e foi trasladado a EE.UU en misión diplomática, onde comezou a súa carreira coma escritor de guións cinematográficos, e tamén como creador literario. Nesta segunda faceta foi recoñecido como un autor de calidade no relato curto de adultos, mais o seu éxito reside nas narracións para as nenas e os nenos: Iago e o pexego xigante, Charlie e a fábrica de chocolate, Matilda ou As bruxas. Este último chegounos en galego grazas a, unha vez máis, Xela Arias e Lidia Iglesias, que foron as encargadas da tradución no ano 2003 en Edicións Xerais. O relato trata dun neno que viaxa a Noruega para vivir coa súa avoa. Alí ensínalle o perigosas que son as bruxas e como distinguilas. Logo, en Inglaterra, descobre unha convención de bruxas, é perseguido por elas, transformado en rato e, grazas á intervención da avoa, é quen de desfacerse delas e salvar outras nenas e nenos do que lle pasou a el.

O substantivo bruxo, -a ten varias acepcións na lingua galega: unha primeira, que é a “persoa con coñecementos de medicina natural a quen se lle atribúen poderes sobrenaturais, que realiza curacións, adiviña o porvir etc.”, pero logo hai outra, con connotacións negativas, que é a de “persoa á que se atribuía un pauto co demo, do que recibía poderes para realizar meigallos, adiviñar o futuro etc.”. Neste sentido é no que debemos interpretar as protagonistas do conto de Roald Dahl, como seres maléficos, con características físicas peculiares e con manifesta aversión contra as rapazas e rapaces.
A orixe do termo é descoñecida. Corominas pensa que podería ser prerromana; dado que é unha designación ibérica común que se encontra en galego, portugués, castelán e catalán. Por outra banda, as persoas crentes no esoterismo (práctica das ciencias ocultas) tamén empregan a palabra meiga para o mesmo concepto. A súa orixe etimolóxica encontrámola no grego magikós ‘relativo á maxia’, pero entrou na lingua desde o latín magicus, -a, -um ‘máxico’. Deste mesmo étimo aparecen as palabras cultas máxico e maxia.