Xesús Alonso Montero foi autor de innumerables traballos de temática diversa —artigos, monografías, edicións, antoloxías— que demostraban que posuía unha fantástica erudición froito, quizais, dunha curiosidade intelectual innata que o levou a mergullarse en innumerables lecturas. Algúns dos seus estudantes dicían das súas clases que “...eran conferencias. Naqueles anos valorábase a súa erudición, que era ampla, e o inédito das súas ensinanzas”.

A palabra erudición procede da latina eruditio, -ōnis, ‘erudición’, ‘doutrina’, ‘ensinanza’, derivada sobre o verbo erudīre ‘ensinar’, mais, de xeito literal, fixándonos nos elementos formantes leríase como ex- ‘fóra’ e rudis ‘rudo’: −botar fóra a ignorancia, a rudeza− grazas ao que se atopaba nos documentos. Aquel que posúe a sabedoría é denominado erudito “persoa que posúe un gran coñecemento relativo a unha ou varias disciplinas”. O noso profesor era un erudito xa que foi adquirindo paulatinamente coñecemento en disciplinas diversas. Daquela poderiamos cualificado como unha persoa lida, instruída, douta, ilustrada, culta, en resume, sabia.
O seu era un saber case enciclopédico que, segundo o DRAG, é o “que abarca un conxunto de coñecementos amplo sobre diferentes campos”. Este adxectivo relaciónase coa voz enciclopedia, termo formado no latín medieval encyclopaedia que deriva do grego enkyklios paideia, ‘educación xeral’, en principio, significaba un ‘sistema de aprendizaxe completo’, é dicir, unha educación integral. Ata o século XVI non se emprega para designar obras consideradas enciclopédicas xa que estas eran denominadas speculum ou thesaurus; o primeiro que empregou a voz con esta acepción foi Paul Scalich en 1559 e a súa consagración foi grazas á obra de Denis Diderot, Encyclopédie no século XVIII.
Do outro lado do erudito atópase a persoa pedante “que fai alarde inoportuno e vaidoso dos seus coñecementos”. A pedantería ou o pedantismo (“afectación propia de quen ou do que é pedante”), en ocasións, agocha máis ben posuír menos sabedoría da que aparentan. Disto último carecía Xesús Alonso Montero.