Novas aplicacións para Android e iOS

Como moitos de vós xa saberedes, a finais da semana pasada publicáronse nas plataformas de Play Store e Apple Store as novas versións das aplicacións ligadas ao Portal que dan acceso, a través dos dispositivos móbiles, tanto ao Dicionario como aos xogos e á palabra do día do Portal das Palabras.

As aplicacións para dispositivos móbiles optimizan as buscas preditivas, que unifican os homónimos, de tal xeito que xa non é preciso escoller entre dúas palabras iguais distinguidas unicamente por un indicador numérico. Outra función, xa en marcha na versión en liña do Dicionario, que se incorpora a estas ferramentas é a procura directa das palabras con variación xenérica pola forma en feminino, que pasan a aparecer tamén como opción nas buscas preditivas.

Por último, fixéronse unha serie de modificacións na ordenación das palabras e no xeito de compartir os termos a partir de eivas detectadas na anterior versión.

As aplicacións do Dicionario da Real Academia Galega superan as 70.000 descargas. En 2017, achegáronse aos dous millóns de visualizacións que hai que sumar aos máis de 20,5 millóns de consultas recibidas a través da versión en liña do Dicionario, dispoñible na páxina web da institución, academia.gal, e no Portal das Palabras, o proxecto para a modernización do traballo lexicográfico e a difusión da nosa lingua da RAG e a Fundación Barrié.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir