O Dicionario pecha 2018 con case 21,9 millóns de consultas

O Dicionario volveu medrar en 2018 con máis consultas e novas palabras. O ano que acaba de rematar rexistrou 21.842.744 consultas en liña que representan unha media de case 60.000 buscas diarias. As cifras dan conta da consolidación no uso cotián desta ferramenta básica da lingua galega, dispoñible a través deste voso Portal das Palabras e da web da Real Academia Galega.

Nos últimos doce meses, sumou 1.339.507 procuras máis que no mesmo período de 2017, o que representa un incremento do 6,5%, e a suba acada o 51% en comparación cos 14,4 millóns de buscas de 2014. O número de usuarios tamén aumentou en 2018 ata se achegar aos 1,1 millóns, así que só podemos dicirvos moitas grazas!

E cales son as palabras que máis procurades? Tremelucir, rebolo, asemade e testemuña son unha pequena mostra das cen máis buscadas, nunha listaxe encabezada por só, máis, botar, présa e ir. Estas últimas dan conta de que as persoas usuarias utilizades o Dicionario non só para aclarar o significado dos termos, senón tamén para resolverdes dúbidas ortográficas ou consultardes a conxugación dos verbos.

O Dicionario é unha ferramenta en constante revisión e ampliación, un labor do que se encarga o Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega tendo en conta, entre outras fontes, o diálogo con todas e todos vós. En total, no ano que rematou incorporáronse 429 novas palabras, ata chegar ás máis de 57.000 entradas.

Melloráronse ademais unhas 3.350, na maioría dos casos introducindo pequenos cambios como a inclusión de sinónimos, pero en 311 acordouse incorporar novas acepcións e fraseoloxía ou incluso a modificación da definición.

De ‘transxénero’ a ‘aporofobia’

Parte das novas palabras reflicten o obxectivo de ir progresivamente incorporando o vocabulario relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación. Ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade ou ciberdelincuencia, conectividade e xestor –a de comunidade figuran así entre as palabras que pasaron a formar parte do Dicionario xunto a outras que visibilizan a diversidade, como gai/gay e transxénero.

Aporofobia, matrilinear, vegano, xihadismo ou xonqui tamén teñen xa entrada propia desde 2018 xunto a outros termos populares da nosa fala como fochiña, formento, viravento e charetar, ou solucións como cadeiriña de paseo e arrombacoches.

Cómpre tamén salientar as cento sesenta e oito novas voces ou actualizadas do mundo das matemáticas que foron revisadas coa colaboración dun equipo de persoas expertas nesta disciplina.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!.

Cubre a enquisa aquí