O Dicionario supera as 105.000 buscas diarias

No ano que rematou empregastes máis ca nunca o Dicionario da Real Academia Galega. Cómpre, polo tanto, darvos as grazas máis ca nunca por estardes detrás dunha marca histórica: máis de 38.500.000 procuras! Agardamos que a medida que avance o 2021 sexa máis real ca virtual pero confiamos tamén en que todas aquelas persoas que vos enganchastes ao Dicionario nos últimos meses manteñades este hábito tan saudable de consultalo.

O Dicionario en liña da Real Academia Galega funciona dende o ano 2013. Dende entón, esta ferramenta esencial da lingua galega non deixou de medrar, e a súa utilidade social fíxose aínda máis evidente en pleno confinamento, cando milleiros de persoas tiveron que teletraballar e os estudantes continuaron co proceso de aprendizaxe de xeito telemático. A entrada en vigor do primeiro estado de alarma por mor da pandemia marcou, de feito, un punto de inflexión e acadou o rexistro mensual máximo no mes de maio, que concluíu con máis de 4.800.000 consultas.

As reunións presenciais das seccións e dos seminarios da Real Academia Galega suspendéronse durante o confinamento, pero a actividade científica da institución proseguiu. O Seminario de Lexicografía, responsable da revisión e da actualización do Dicionario, incorporou en 2020 case un cento de lemas e realizou modificacións en case trescentas entradas, tanto para engadir acepcións, fraseoloxía, sinónimos ou antónimos como para mellorar a redacción das definicións e dos exemplos. Moitos dos lemas que se incorporaron son palabras que se popularizaron na fala cotiá en plena pandemia. É o caso de asintomático, covid-19, coronavirus, gotícula, desescalada, teletraballo ou triaxe.

A pandemia tamén deixou pegada entre as novas acepcións en lemas xa presentes no Dicionario. A entrada de gromo incorporou así o significado referido á aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar; e a de repunta, a que atinxe á nova aparición de algo, especialmente dunha enfermidade epidémica, nun lugar en que xa estaba controlada ou en vías de desaparición.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir