O Dicionario supera as 70.000 buscas diarias

Seguimos a medrar convosco. O Dicionario da Real Academia Galega superou en 2019 as 70.000 buscas diarias de media, e reflicte a evolución positiva desta ferramenta esencial da lingua galega. Con respecto a 2018, significa un incremento do 18,3 % e sitúase por riba do 26 % se se compara cos resultados de 2017. Ese ano o Dicionario acadou por primeira vez máis de 20 millóns de consultas, unha marca mellorada substancialmente vinte e catro meses despois sen ter en conta as procuras realizadas a través das aplicacións para dispositivos móbiles.

Como en ocasións anteriores, entre as palabras máis buscadas aparecen diversos termos que constatan un uso do Dicionario non só para coñecer o significado das palabras senón tamén para resolver dúbidas ortográficas. É o caso de , mais, botar, présa ou fóra nunha listaxe na que tamén aparecen outros termos como parotidite, porén ou asemade.

O Dicionario tamén medrou no número de entradas e achégase ás 60.000. O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega incorporou o ano pasado un total de 201 novos lemas e introduciu cambios en máis de 800, froito do traballo interno e do diálogo coa comunidade de usuarios e usuarias do Dicionario, que fan chegar as súas suxestións a través da lapela “Axúdanos a mellorar” que se desprega en cada entrada e outras vías telemáticas. Deste xeito,  nos últimos doce meses incorporáronse á nosa ferramenta da lingua galega favorita termos relacionados co mundo do deporte como estaxe ou paralimpíada; de crecente uso nos discursos sobre a igualdade como feminización, visibilizar, sororidade ou nesgo; vinculados ao mundo dos negocios como franquiar ou márketing; vocábulos das artes e dos espectáculos como pano de boca ou ópera bufa; termos relacionados coas tecnoloxías da información e da comunicación como libro electrónico, memoria tobo ou podcast; e outros como apósito adhesivo, cotiandade, composteiro ou meme.

 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir