No ano que rematou empregastes un lote o noso Dicionario. Daquela, darvos as grazas polo case 35 millóns de procuras que realizastes!
O Dicionario da RAG fíxose accesible en liña no ano 2013 no Portal das Palabras e na páxina da propia Academia. Desde aquela non deixou de ser revisado e, ao rematar o ano 2022, foi enriquecido con 400 cambios entre entradas de estrea, acepcións novas en palabras xa rexistradas e modificacións na redacción dalgunha das definicións. Todas estas achegas ao Dicionario son froito do labor das persoas integrantes do Seminario de Lexicografía, encargados da revisión e da actualización deste Dicionario. Moitos dos lemas que se engadiron son produto do diálogo que se establece coas usuarias e usuarios, que envían as súas suxestións e dúbidas a través do apartado “Axúdanos a mellorar”.
Deste xeito aparecen neoloxismos como idadismo e idadista, que se refiren á discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores; cis e trans, formas abreviadas de cisxénero e transxénero, que xa contaban con cadansúa entrada; deporte electrónico, que nomea a competición de videoxogos entre dous ou máis usuarios, fundamentalmente cando é practicada por profesionais e conta con moitos espectadores; ou aeroxerador, dispositivo que converte a enerxía cinética producida polo vento en enerxía eléctrica.
O cambio climático e as súas consecuencias represéntase coas locucións quecemento global e efecto invernadoiro, e coa incorporación da voz antropoceno. Achegámonos á cociña co termo alfábega, a forma galega da planta aromática Ocimum basilicum, ou damos conta da popularidade da alfarroba, froito cuxo consumo se está a estender como substituto do cacao. Hai familias léxicas que medraron e agora son lemas do Dicionario expendedoría, lexibilidade, segredismo, solteiría, procedemental, actitudinal, competitividade, masaxear, titorizar ou versionar.
Engádense ao Dicionario estranxeirismos como mandala, zápping ou jacuzzi, e voces terminolóxicas, pero de uso estendido, como incomparecencia, peticionar ou trabar embargamento ou embargo, do léxico xurídico; ou de escoada, sinónimo de coada, e delta lávico, dous termos que son consecuencia da erupción do volcán de La Palma no ano 2021.
Por último, cómpre saber das novas acepcións que toman as seguintes voces: crocante que, ademais do significado xa rexistrado de caramelo ou xeado con cachiños de améndoa, incorpora o de alimento que fai ruído ao mordelo e mastigalo; de compoñedor, -a, que lle suma ao de curandeiro, -a o de persoa que pon de acordo dúas o máis partes que están enfrontadas por algún desacordo; e o de transportador, cunha nova referida ao receptáculo utilizado para o transporte de animais domésticos pequenos.