A Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) decidiu na X Edición dos seus premios anuais que o Portal das Palabras é o mellor proxecto do ano 2013 na categoría de Cooperación Empresarial.
Desde hai dez anos os Premios Eganet son un referente para o sector TIC en galego e constitúen o mellor escaparate para os proxectos realizados por empresas ou entidades galegas no campo das tecnoloxías da información e a comunicación.
O Portal das Palabras conseguiu este ano ser o gañador na categoría de Proxecto Colaborativo Empresarial TIC, ao consideralo o xurado unha iniciativa de cooperación pioneira para a difusión e modernización do léxico e o traballo lexicográfico, entre unha institución histórica como a Real Academia Galega e unha fundación patrimonial como é a Fundación Barrié. O traballo conxunto das dúas entidades en colaboración con Imaxin|Software e outras empresas de deseño, produtoras de vídeo e de edición, que actúan como parceiros, foi a clave para conseguir un Portal que quere ser actual, dinámico e multiforme, aberto a todas as persoas interesadas na lingua, e que demostra que na mestizaxe e na fusión está o espazo onde as ideas e os proxectos brillan máis.
Así mesmo, que o Portal das Palabras conseguise, de entre as máis de cen candidaturas presentadas este ano a concurso, ser finalista na categoría de Comunicación Dixital é un importante recoñecemento do seu impacto no campo da comunicación en internet. Un éxito avalado cada día nas visitas que recibe a páxina e nos comentarios dos usuarios e usuarias, e tamén polas valoracións que se fixeron do Portal tanto dentro coma fóra do país.