Oito finalistas na Palabra do Ano 2017

Chegamos á segunda fase da escolla da Palabra do Ano 2017 e desde hoxe, 18 de decembro, ata as doce en punto da noite do día de Nadal, luns 25, podes votar pola túa preferida entre oito candidatas: afouteza, eucaliptización, independencia, sapoconcho, teimudo, vaga de lumes, velutina e violencia de xénero. Esas son as propostas escollidas entre un bo feixe de palabras diversas que chegaron na primeira fase. Como ves, este ano sumamos dúas candidatas, xa que se rexistrou unha participación significativamente máis alta ca outras veces e tamén as vosas achegas consisten en termos asociados a situacións dunha grande intensidade informativa, polo que non fomos quen de quedar só coas seis das edicións anteriores. Só nas primeiras 24 horas chegaron preto de 900 propostas, e nos días seguintes, con moita antelación ao comezo desta segunda fase, xa se definían as tendencias das finalistas. En total, desde o 4 de decembro ata onte, domingo 17, fixestes máis de 6.700 achegas, o que supuxo superar os 890 termos diferentes recollidos. Moitas grazas pola intensa e frutífera participación.

As oito palabras finais cumpren todas elas os seguintes criterios: están á cabeza das máis repetidas entre todas as que chegaron; son palabras contundentes, con forza informativa, que centraron por diversos motivos os temas de maior presenza nos medios e máis impacto social do ano; e teñen, as máis delas, un valor engadido desde o punto de vista estritamente lingüístico, ben por seren terminoloxía de nova creación, por exemplificaren usos singulares ou por seren colocacións léxicas de plena actualidade.

Para escolleres a túa Palabra do Ano 2017, entra na páxina das votacións. Todas e todos podemos votar libremente, coa única restrición de non facelo máis dunha vez desde o mesmo equipo por período de vinte e catro horas (tampouco se admitirá que voten máis de tres dispositivos por enderezo IP). A gañadora, que o será por maioría estrita, é dicir, a máis votada de todas, darémola a coñecer na mañá do mércores 27 de decembro.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí