Para participares na elección da Palabra do Ano, tes que entrar na páxina especial que, desde hoxe, está activa no enderezo: portaldaspalabras.gal/palabradoano
Pola experiencia das edicións anteriores, cremos que as mellores candidatas son aquelas palabras que por algún motivo condensen a idea do que foi 2017, ben sexa porque non pararon de saír nos medios, porque as empregamos a cotío, ou porque nos chamaron a atención desde a primeira vez que as vimos escritas. A Palabra do Ano ten que ser a que se nos vén á cabeza cando facemos reconto do que pasou ao longo destes trescentos sesenta e pico días. Escollela é un proceso de elección colectiva, estruturado en tres fases:
Primeira fase
É a da recepción de propostas. Recolleremos todas as que nos queiran enviar desde hoxe, 4 de decembro, ata o domingo 17 ás doce da noite. Podes mandar calquera palabra que prefiras e mesmo varias –non é doado decidir! –.
Segunda fase
Ábrese o luns 18 de decembro. De entre todas as propostas rexistradas na fase primeira, escollemos as palabras máis repetidas ou algunha que represente unha temática compartida por varias das persoas que participaran. Quedamos con seis finalistas e quen así o desexe poderá votar pola súa preferida ata as 24 horas do día de Nadal.
Terceira fase
Tralo reconto das votacións, o mércores 27 de decembro daremos a coñecer a gañadora, a que conxuntamente escollemos como a Palabra de 2017.
Esta é cuarta edición da Palabra do Ano. En 2014 promovemos por primeira vez este concurso e aquel ano a palabra gañadora foi corrupción, coincidindo coa decisión doutros países da contorna, onde xa é un costume consolidado desde hai tempo o de elixir, entre todas as cidadás e cidadáns, a palabra que mellor representa a realidade do ano que queda atrás. En 2015, gañou refuxiado/a e o ano pasado irmandade. Edición a edición, o interese pola Palabra do Ano e a participación da xente non fixeron máis que medrar, cuestión que valoramos moi positivamente, alén de polo sentido democrático e colectivo, polo que ten de implicación real entre a lingua e o país, xa que, ao cabo, escoller unha Palabra do Ano non é outra cousa que exercer a normalidade de expresarmos o que foi o día a día para nós e para a nosa comunidade.