image

A Palabra do Ano 2023 é

Por que promovemos esta idea

A lingua é un espello do que somos, do que queremos ser, do que nos ocupa e preocupa en cada momento a cadaquén, a todos e todas como sociedade. O lugar onde as palabras existen con máis intensidade é a actualidade, ese día a día compartido no que, como tan claro nos queda nestes tempos pandémicos, o público e o privado conflúen. Por iso escoller unha Palabra do Ano significa tomar ao mesmo tempo conciencia do valor da lingua e do que designan as palabras que eliximos e creamos.

Decidir colectivamente cal é a palabra que identifica o ano que remata é tamén un xeito de resumirmos como o vivimos. No bo ou no malo. E mesmo unha maneira de redimírmonos daquilo que se quere deixar atrás. Ou unha forma de agradecer o bo e de buscar acougo. Vós decidides. Vós tendes a palabra.

A Palabra do Ano 2022 foi...

Sol negro e campesiñas, Luís Seoane, 1973 (Colección da RAG)

Comadre, na fala popular refírese á veciña ou á amiga na que se ten especial confianza. Bebendo deste herdo tradicional, hoxe reivindícase dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres. E nese empeño de moitas comadres do século XXI de teceren redes de visibilidade para a súa mensaxe, esta voz converteuse na Palabra do Ano 2022.

A Palabra do Ano 2021 foi...

O 2021 estivo marcado pola pandemia, pero tamén trouxo alegrías que moi ben soan. Tanxugueiras é en realidade o plural dun microtopónimo que, elevado á Palabra do Ano, é unha dupla icona: evoca os novos camiños que está a abrir, con grande éxito, a música tradicional galega e lémbranos o patrimonio inmaterial único no mundo que constitúen os nosos nomes da terra.

A Palabra do Ano 2020 foi...

A Palabra do Ano 2020 é moito máis có pronome persoal tónico da primeira persoa do plural. Con ela celebramos o centenario da revista que deu nome á gran xeración galeguista organizada ao seu redor e decidimos tamén deixar atrás un annus horribilis marcado pola pandemia coma ten que ser, contando coa forza de todas e todos nós.

A Palabra do Ano 2019 foi...

O sentidiño nunca sobra. Quizais porque o botastes en falta en moitos asuntos públicos, elixístelo Palabra do Ano 2019. Ten aparencia dun simple diminutivo, pero é sen dúbida unha gran palabra: un xeito de noso para designar o sentido común.

A Palabra do Ano 2018 foi...

A crecente preocupación pola xestión dos nosos montes deixou pegada na Palabra do Ano 2018. Cos vosos votos decidistes que fose deseucaliptización, un neoloxismo que non aparece no Dicionario pero que se axusta ás regras de formación de palabras da nosa lingua.

A Palabra do Ano 2017 foi...

Afouteza é unha palabra do noso léxico patrimonial que saltou durante 2017 do campo de fútbol do Celta de Vigo á rúa. Toda unha xesta colectiva: unha palabra que dende o fondo dos séculos marcou un tanto na meta compartida de gozarmos da nosa lingua.

A Palabra do Ano 2016 foi...

2016 foi o centenario das Irmandades da Fala, e ao noso parecer, esta escolla hai que entendela como homenaxe ao proxecto histórico pero tamén como un xeito de reivindicar o sentido do colectivo no presente e no tempo que vén.

A Palabra do Ano 2015 foi...

Refuxiado foi a palabra máis votada por vós, que a escollestes como Palabra do Ano 2015. Arredor da chamada "crise dos refuxiados" publicáronse milleiros de textos, noticias e comentarios, poñendo este termo de máxima actualidade e converténdoo nunha voz clave nese ano.

A Palabra do Ano 2014 foi...

Fixemos unha valoración sobre un conxunto de palabras partindo das que propuxestes en Facebook, engadindo as que obtivemos dos medios de comunicación e mais as que nos fixestes chegar por outras vías. Unha destacou sobre o resto e deste xeito, para o Portal das Palabras, corrupción converteuse na Palabra do Ano 2014.