O 23 de xuño en Hernani (Guipúscoa), no encontro Hitzargiak –linguas que se iluminan mutuamente–, o Portal das Palabras presentouse diante de expertos e entidades representativas de máis de vinte e cinco linguas europeas. O obxectivo concreto é que as metodoloxías e tecnoloxías desenvolvidas para realizar a nosa web, o Dicionario e as aplicacións móbiles teñan proxección noutras realidades lingüísticas e poidan aproveitarse para botar a andar experiencias semellantes e promover a creación dunha rede europea de espazos dixitais de difusión do léxico. A iniciativa, bautizada co nome EverWords, xerou unha web en inglés onde consultar toda a información relacionada.
Logo de tres anos explorando novas posibilidades para a actividade lexicográfica e a difusión do léxico, O Portal conseguiu ser unha referencia consolidada no país, cunha ampla difusión tanto no ámbito académico coma no do público xeral e os promotores entenden que é a hora de facer unha difusión internacional do acadado, polo que Hitzargiak é un encontro onde a iniciativa encaixa perfectamente, xa que se trata dunha reunión que busca favorecer a diversidade lingüística a través do intercambio de experiencias. En representación do Portal asisten traballadores da Academia, da Fundación Barrié e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo.
Así mesmo, nestas xornadas tamén participaron outros proxectos galegos, como: Agasallo, APEGO, Cantalingua, Club de debate, Clubeda Lingua, Como cho digo 😉, Documental A memoria da lingua, Escolas de Ensino Galego Semente, Gústame o galego, Modelo Burela e mais Tíralle da lingua.