Despedímonos deste 2019 con moito sentidiño! Así o decidistes as persoas que participastes na elección da Palabra do Ano porque fixestes deste xeito tan de noso de denominar o sentido común o termo máis votado dos seis finalistas. Acaparou nada menos que o 51% dos votos, quizais porque designa un antídoto ben eficaz para moitas das preocupacións sociais que adoitades reflectir nesta iniciativa coa que queremos salientar a conexión da lingua coa realidade cambiante que nos rodea.
Feminicidio foi a segunda palabra máis votada —con case o 20% dos votos— nun ano no que as rúas volveron encherse de voces contra a violencia de xénero e narcosubmarino, apenas semanas despois de irromper na linguaxe cotiá de Galicia, acadou o terceiro posto co 15% dos votos. Seguíronlles, por esta orde, quecemento global, ecocidio e negociación, os outros termos que foron finalistas tras unha recollida de propostas entre o público, que deixou un regueiro de suxestións nas que a reivindicación da igualdade de xénero e da xestión sostible dos recursos naturais compartiu protagonismo coa actualidade política local e global.
Sentidiño é, polo tanto, a nosa, a vosa sexta Palabra do Ano, digna sucesora de deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —no ano do centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014). Cadaquén terá as súas razóns para amala, ou mesmo para retorcer o fociño ante a vontade popular que a fixo triunfadora, pero como o noso é a lingua preferimos afondar nas explicacións filolóxicas. Recollémolas neste mira que din. Lede, lede!