A Palabra do Día debuxa no Outubro de Tinta

O artista estadounidense Jake Parker creou en 2009 un desafío para os profesionais e afeccionados ao debuxo que leva unha década enchendo as redes sociais durante outubro de imaxes, desde 2016 baseadas nunha listaxe de 31 palabras en inglés, unha para cada día do mes. A iniciativa atopa agora réplica en galego a través do colectivo docente Galiza Visual, e faino tomando como fonte de inspiración a Palabra do Día do Portal das Palabras. O Inktober convértese así no Outubro de Tinta, unha oportunidade ben amena para afondar no chamado pensamento visual, un concepto que comprende técnicas para a expresión visual da información con distintos propósitos pedagóxicos. E tamén é, claro, unha oportunidade para visibilizar o galego nesta experiencia internacional, e unha escusa máis para non perderse cada mañá a Palabra do Día! Anímaste a te sumar ao reto?

Como xa sabedes as persoas seareiras desta sección, a Palabra do Día adoita ter unha unidade temática semanal (as festas do San Froilán e a celebración do Día Mundial do Correo nesta primeira metade do mes) e acompáñase non só da definición para a acepción en cuestión que recolle o Dicionario da Real Academia Galega, tamén indaga nas súas orixes e ofrece exemplos de uso tirados de obras da nosa literatura. Así que, dalgún xeito, a inspiración pode ser tripla, non si?

O profesorado de Galiza Visual está a amosar a través do Twitter, baixo os cancelos #outubrodetinta e #Inktober2019, as súas propias creacións baseadas na Palabra do Día, pero a parte máis importante é a que fica polo momento dentro das súas aulas. “Esta experiencia permite expresar a creatividade de cada quen, pero é tamén unha estratexia lingüística para dar atención á diversidade, porque achega conceptos máis ou menos coñecidos co gancho que ofrece o compoñente visual”, explica Diana Pastoriza, unha das oito persoas do mundo do ensino que constitúen  Galiza Visual (@GZVisual).

O colectivo naceu hai uns meses cunha teima en común. “Coñecémonos sobre todo a través da Rede polo traballo que cada un de nós desenvolve sobre o pensamento visual. Cada quen aplícao ao seu campo dun xeito diferente. Hai quen o basea no debuxo, outras persoas lévano máis cara aos mapas conceptuais ou visuais, ou emprégano como apoio á expresión oral… En Galiza Visual hai docentes de primaria, secundaria, FP ou, como é o meu caso, de escolas de idiomas. Hai tantísima variedade que cada un o adapta ao que precisa o seu alumnado”, engade Diana Pastoriza.

Esta profesora de inglés asegura que non sabe debuxar porque, ao contrario do que poida parecer, para tirar proveito do pensamento visual non hai que ter unha habilidade especial no manexo dos lapis e da tinta. Ela, por exemplo, emprega os chamados apuntamento visuais para resumir conferencias e para facilitar o labor de interpretación entre linguas. Olga Patiño, mestra de primaria, tamén os utiliza para afondar nos conceptos chave, a atención e mesmo a ortografía, e salienta que o pensamento visual é unha ferramenta fundamental para traballar a inclusión; e María Souto, mestra de educación física, úsaos nunha área na que sempre houbo costume de esquematizar exercicios e xogos a través do debuxo. E ti, en que vas practicar o pensamento visual?

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir