Unha destas será a Palabra do Ano 2018

Apoderamento, “deseucaliptización”, fariña, fascismo, feminismo e sororidade. Cal delas será a Palabra do Ano 2018? De novo, todas e todos vós decidiredes. Estas seis voces son as finalistas tras a recollida de suxestións que rematou na noite do pasado domingo cunha notable participación. A votación que determinará cal é a gañadora permanecerá aberta ata o 25 de decembro ás 23:59 horas nesta ligazón:  https://portaldaspalabras.gal/palabradoano/. A Palabra do Ano 2018 darase a coñecer o vindeiro 27 de decembro.

Na primeira fase da campaña, recibíronse máis de 7.000 achegas que se traduciron en 962 termos diferentes, unhas cifras que reflicten a consolidación desta iniciativa que o Portal das Palabras puxo en marcha en 2014. Calquera das voces finalistas cumpren requisitos claros para se converter na elixida polo público: ser das máis repetidas na recollida de propostas, referirse a realidades ou fenómenos que están a marcar dalgún xeito a actualidade desde 2018, irromper con forza na linguaxe cotiá ou mesmo cobrar visibilidade como marca de iniciativas cívicas.

Feminismo figura entre as voces candidatas xusto nun ano en que as mulleres encheron o 8 de marzo as rúas de toda Galicia, España e moitos outros recunchos do mundo para reclamaren igualdade real en todos os ámbitos da vida. O Dicionario explica que é a “doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller”, un pensamento que tamén marca  sororidade, que pode definirse como o pacto entre mulleres para diminuír a fenda entre a súa posición social e a dos homes. Outra voz que emerxe con forza neste contexto é apoderamento. Incorporada ao Dicionario da Real Academia Galega o pasado outubro, designa nunha das súas acepcións o “proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais”. O exemplo escollido, e non por casualidade, é o do “apoderamento feminino”.

Non é a primeira vez que vocábulos relacionados coa crecente sensibilidade social ante a desigualdade de xénero chegan a finalistas da Palabra do Ano, aínda que nesta ocasión o abano é máis amplo. De igual xeito, volveron situarse entre as propostas máis repetidas aquelas que reflicten tensións e preocupacións que chegan desde a area política, como é o caso doutra das seis finalistas, fascismo; e arredor da xestión ambiental, desta volta con deseucaliptización como candidata destacada.

O ano que remata tamén lle deu unha nova vida ao termo fariña alén da nosa terra. O motivo nada ten que ver co cereal moído e moito co éxito da serie televisiva baseada no fenómeno do narcotráfico que marcou a Galicia dos anos 80 e co secuestro xudicial que sufriu o libro do xornalista Nacho Carretero, a súa fonte de inspiración. A obra titúlase Fariña en referencia á outra acepción reflectida no Dicionario: “substancia orgánica que se extrae das follas da coca e que, polas súas propiedades, é usada como narcótico ou en anestesias”.

De corrupción a afouteza

O Portal das Palabras convídavos desde 2014 a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron escollidas afouteza (2017), irmandade (2016) -coincidindo co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir