A voz máis votada como Palabra do Ano 2025 no Portal das Palabras é xenocidio. Este neoloxismo foi creado por Raphaël Lemkin (1901-1959) e constitúe, en palabras do historiador galego Antonio Míguez Macho, un dos conceptos que cambiaron o mundo. Adoptado tras a II Guerra Mundial pola ONU na convención para a súa prevención e a sanción, o termo volveu pronunciarse en múltiples ocasións nos últimos meses para sinalar as accións do estado de Israel na Franxa de Gaza.
Xenocidio impúxose con máis de 4 de cada 10 votos emitidos, 2.948 dos case 7.200 rexistrados. Adiantou así á seguinte finalista vinculada a outro fenómeno ben distinto: foliada que suma 1.315 votos, preto do 20 %; e o terceiro posto é para lume, palabra-crónica da vaga de incendios forestais do pasado verán, con 843 votos. O cuarto ocúpao a palabra patrimonial desfeita, proposta fronte a neoloxismos de previsible vida efémera que se multiplican para nomear involucións e desastres varios que sumou 834 votos. Na quinta posición aparece outra palabra de noso, loia (686 votos), que designa as loanzas enganosas ou aquilo que unha persoa presenta como verdadeiro sabendo que é falso. Este vocábulo adquire na actualidade, como a súa irmá loiada, a acepción neolóxica que se refire ás informacións falsas divulgadas a través de medios electrónicos, xeralmente co fin de desinformar. Por último, a sexta posición é para retrinco (564), homenaxe a Castelao neste seu ano.
A Palabra do Ano 2025 xenocidio fórmase a partir do grego xeno– ‘pobo’ e o sufixoide de orixe latina –cidio ‘matar’, seguindo a mesma fórmula ca tiranicidio, homicidio, parricidio ou magnicidio. No caso da nosa lingua, xenocidio figuraba xa no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (1988), a base da que partiu o actual Dicionario da Real Academia Galega. O concepto preciso que cuñou Lemkin inclúe o motivo do crime, fronte a outras expresións arredor das cales el mesmo reflexionou, como “asasinato de masas”, ou palabras como exterminio / exterminación, que o DRAG define como a “acción e efecto de exterminar”; masacre, “acción e resultado de matar un gran número de persoas ou animais”; e aniquilación / aniquilamento, “acción e efecto de aniquilar”, cando se ten a intención de “reducir ao nada, destruír por completo; abater física ou moralmente alguén”.
Exterminio e exterminación proceden do verbo latino extermināre, literalmente ‘botar fóra da fronteira’, e que pasou a significar ‘arrincar’ e logo ‘eliminar’. O substantivo masculino masacre tómase do francés massacre, que procede á súa vez do francés antigo macecre ou macecle ‘carnicería’. O Dicionario da RAG dá como sinónimos en galego matanza e hecatombe, cultismo clásico que nos leva ao grego hekatómbē, o sacrificio de cen vítimas. Canto á aniquilación e aniquilamento, son voces derivadas sobre o verbo aniquilar que se orixina no baixo latín annichilare que, á súa vez, procede da voz nihil ‘nada’.
Do Portal das Palabras ao Ximnasio Léxico
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven a elección colectiva da Palabra do Ano como un xeito de resumir como se viviron os últimos doce meses, no bo ou no malo, mesmo como unha maneira de nos redimir daquilo que se quere deixar atrás, como sucedeu nesta edición. Pero desde a posta en marcha desta iniciativa tamén teñen gañado moitas voces que lle dan á campaña unha significación de esperanza e de aposto polo futuro, porque a lingua é un espello do que somos e do que queremos ser, do que nos ocupa e preocupa en cada momento individualmente e como sociedade.
No ano 2024 a palabra elixida foi a mencionada cantareira, anticipándose ás Letras Galegas 2025 que a Real Academia Galega lles dedicou ás mulleres que crearon e transmitiron o cancioneiro popular galego. Nos anos anteriores as escollidas foron cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).
Alén do Portal das Palabras, a RAG e a Barrié colaboran en distintos proxectos para o estudo e a divulgación do léxico da lingua galega. A aplicación de xogos do Dicionario, o Ximnasio Léxico, dispoñible para dispositivos Android e iOS, é unha das últimas propostas.














