A etimoloxía do termo “tesauro” provén do latín thesaurus, que significa “tesouro”. Máis alá do propio país, as palabras que conforman a nosa lingua representan o maior ben colectivo co que contamos. Modernizar a investigación do léxico e axudar a que se coñeza e se use é o obxectivo da posta en marcha deste Portal.

Poñémoslle nome a todo o que nos arrodea ou imaxinamos. Denominamos o que existe e mesmo o que deixou de ser. As palabras evocan o mundo todo e fan que as nosas neuronas faísquen para que obxectos, seres e situacións vaian pasando pola nosa cabeza.

Cadaquén leva consigo os termos que foi interiorizando por medio da aprendizaxe —natural ou educativa— así como da curiosidade. Curiosidade e aprendizaxe son os dous piares que definiron a construción do Portal das Palabras.

A iniciativa vai dirixida a moitos tipos de persoas, desde rapaces en idade escolar a persoas maiores que teñan interese polo noso idioma e o seu léxico. Tamén cremos que pode ser útil para xente que queira achegarse á nosa lingua aínda que sexa de xeito inicial. O que se precisa para aproveitar este Portal, repetimos, é que se teña curiosidade e ganas de aprender.

Como ver esta web

O Portal das Palabras ten unha navegación dobre. Por unha banda, desde a portada accédese directamente aos novos contidos publicados e, navegando por eles, poderemos continuar descubrindo moitos máis. Por outra, mediante os botóns superiores de seccións, vaise a cada zona da web, onde veremos explicacións de cada apartado así como as súas utilidades, podendo así acceder á totalidade dos contidos que se leven publicados.

O Portal contén, tamén, un potente dicionario electrónico que inclúe un servizo de busca de sinónimos e antónimos. Unha versión similar desta ferramenta pode ser descargada para utilizar en móbiles ou tabletas con sistemas operativos iOS e Android.

Contidos e actualización

O Seminario de Lexicografía da RAG é o responsable de que cada semana se publiquen novos contidos, ben sexan xogos, vídeos, curiosidades léxicas, recursos ou novas. Todos os días propoñerase unha nova palabra da que recibiremos información sobre o seu significado, etimoloxía e outras referencias. Para estar ao tanto de todas as novidades é ben pasarse diariamente por estas páxinas ou estar conectado aos nosos espazos de Facebook e Twitter.

Hai contidos que calquera pode provocar ou axudar a xerar: quen teña unha dúbida ou precise que a Academia aclare o uso dalgún termo, na sección de vídeos Pregúntalle á Academia hai un formulario específico.

Queremos mellorar

Precisamos axuda para mellorar e avanzar. Solicitamos, xa que logo, críticas, suxestións, propostas etc. (para iso están os formularios de contacto). Queremos que o Portal das Palabras sexa de todas as persoas que teñen interese no léxico e queren a nosa lingua.

Convenio

En 2012, a RAG e a Barrié, asinaron un convenio de colaboración en materia de lexicografía. Modernizar os sistemas de investigación, acometer novos traballos, elaborar aplicacións e promover este Portal son os seus obxectivos. Froito do anterior, entre outras producións, contamos co Dicionario electrónico e a versión para móbiles e tablets.

Seminario de Lexicografía

É o grupo de traballo da Real Academia Galega dedicado á elaboración de dicionarios e obras de consulta. Foi creado en 1983 e comezou a súa andaina co primeiro dicionario monolingüe da RAG, publicado en 1990. Despois de varias revisións, a última versión do Dicionario da Academia conta con máis 50.000 entradas e está dispoñible nesta páxina e na web da RAG.

Así mesmo, realiza dicionarios bilingües e colabora en obras de especialidade como o Dicionario de termos médicos, o das tecnoloxías da información e comunicación, o da alimentación e restauración  etc.

Na actualidade o director é Manuel González.