1973: As Laranxas de Casares pasan a censura

Un momento da primeira representación d’As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, na Mostra do ano 1973. [Fonte: Arquivo da agrupación cultural “O Facho” / RAG]

A traxectoria de Casares como creador literario empeza a finais dos sesenta con Vento ferido. Un ano despois, dá comezo a vertente da súa obra enfocada á rapazada con A galiña azul, premiada no I Concurso de contos infantís da agrupación cultural “O Facho”, en 1968. Víctor F. Freixanes destaca de Casares que, ante todo, procuraba ganar novos lectores para as nosas letras e que, quizais por iso, non desatendeu a escritura para a xente nova, senón que, incluso, pensando nela, realizou a súa única incursión no ámbito teatral, As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.

Reprodución dunha nova de El Ideal Gallego, recollida pola web da Fundación Carlos Casares. (Se fas clic, amplía na web da Fundación)

Con esta peza, Casares entrou no xénero dramático pola porta grande, pois As laranxas obtivo, alén do aplauso do público, o recoñecemento unánime da crítica, tanto polo seu valor estético coma tamén por constituír un paso intelixente e necesario no camiño da restitución plena do teatro en galego, nun contexto, os anos setenta, en que comezaba a intuírse a recuperación cultural e despuntaban pequenos fíos de liberdade dos que era urxente tirar.

O mesmo que fixera coa Galiña azul, “O Facho” tamén premiou esta obra, esta vez no Concurso de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade, de 1973. Nela, o autor sedúcenos cunha aventura disparatada, onde destaca o poder fascinante das palabras, que nos abren ao mundo igual que a protagonista, Anxa, abre con elas tesouros tan cotiáns coma un ovo e unha laranxa e, ao tempo, tan marabillosos coma todo o inesperado.

Programa de man da representación en Ribadavia, o 27 de maio de 1973. Fondo Abrente. Museo Etnolóxico. Ribadavia. (Preme para ampliar).

As Laranxas é unha das obras de teatro para xente nova máis coñecida e representada, desde aquel afastado 27 de maio de 1973, cando se estreou na I Mostra de Teatro Abrente –iniciativa da agrupación cultural Abrente– que se posicionou desde o comezo como un espazo de encontro para a dramaturxia renovada, a nivel textual e escénico, onde se puxeron as bases para a profesionalización definitiva do sector. As Mostras celebráronse con éxito indiscutible deica 1980 e, catro anos máis tarde, en 1984, terían a súa continuidade natural na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, un dos festivais máis célebres a día de hoxe, polo cal esta cidade ourensá continúa a ser a capital teatral do país e unha referencia imprescindible para o xénero a nivel global.

Tanto os organizadores da primeira Mostra coma os integrantes de “O Facho” estaban concienciados do papel normalizador que lle correspondía ao teatro como espectáculo para a xente, e en particular ás obras dirixidas ao público máis novo, de aí o entusiasmo con que se acolleron as Laranxas, e tamén que se decidise programar a estrea para un domingo, o día en que previsiblemente poderían acudir a vela máis nenas e nenos. Coa escenografía deseñada por Seoane, dirixida por Xosé Manuel Rabón, e co propio Casares sentado entre o público, a estrea en Ribadavia foi todo un éxito, como se destaca na prensa deses días, onde puido lerse un comentario ben esclarecedor: “rin os rapaces e pensan os maiores”.

Os seguintes documentos mostran a comunicación entre “O Facho” e “Abrente”, en relación coa representación da obra. Todo o material reproducido máis abaixo forma parte do Fondo Abrente do Museo Etnolóxico localizado en Ribadavia.

A censura

Como é ben sabido, existe unha cara menos amable de todo o que rodeou a saída á luz das Laranxas. Estamos no ano 1973 e, a pesar de que a ditadura entra na recta final, aínda duraría un tempo. Por daquela, estaba en vixencia unha lei que prescribía a censura de libros, cine ou representacións teatrais, antes de se faceren públicos. En concreto, no ámbito teatral, existía unha “Junta de Censura de Obras Teatrales”, dependente do “Ministerio de Información y Turismo”; loxicamente, a estrea das Laranxas tivo tamén de recorrer este camiño. No PDF que acompaña este texto, no fondo da páxina, podemos ver o texto escrito á máquina da peza teatral enviado á censura, solicitando o consentimento para poder dala ao público. E, xusto debaixo deste parágrafo, seis documentos relacionados coa solicitude para celebrar a primeira edición da Mostra de Teatro de Ribadavia (asinada por Ernesto Chao) e outros procedementos para facer as representacións programadas entre elas a d’As Laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.

Documentos relacionados coa estrea da obra e a celebración da Mostra

Desde o Portal das Palabras queremos agradecerlles aos propietarios dos dereitos de reprodución da obra de Carlos Casares, e especialmente á familia do autor, a autorización para publicar o texto. Estes agradecementos son tamén para Rosa Lamas e o Museo Etnolóxico, onde está depositado o escrito mecanografado que se lle enviou á “Junta de Censura de Obras Teatrales” e que foi devolto coas marcas de carimbo da “Dirección General de Cultura Popular y Espectáculos” que acreditan o permiso de representación.

Texto mecanografado da peza teatral enviado á censura, solicitando o consentimento para poder dala ao público. O documento está composto por dezasete folios, escritos por unha cara, escaneados e convertidos nun PDF de 2,9Mb de peso. Pódese descargar premendo na imaxe.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir