dramaturxia

Composición feita co cartel da representación da obra d’O paseo das esfinxes a cargo de Lino Braxe e unha foto de kjpargeter en Free Photo

A protagonista das Letras 2024, Luísa Villalta, abrangueu diferentes eidos das letras, xa que foi poeta, mais tamén unha prosista moi valorada, ora na ficción, ora no ensaio; pero, ademais, xogou un papel salientable no ámbito da dramaturxia galega de finais do século XX. Como filóloga profundou no estudo e na divulgación do teatro en galego; a constatación disto é O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral, onde elabora unha minuciosa disección desta obra dramática do autor de Mondoñedo. Por outra banda, como creadora, contribuíu á modernización do teatro que comezaba a agromar logo da transición.

Os seus estudos sobre o xénero teatral e a propia obra dramática como autora eran as partes menos coñecida da súa produción ata o de agora; mais Luísa mostrou paixón polas táboas desde moi nova.  Francisco Pillado, considerado − con Manuel Lorenzo− un dos pioneiros da recuperación da representación de obras en galego nos anos sesenta do XX, foi o seu mentor e o produtor dos seus textos teatrais.

A voz dramaturxia defínese como a “arte da composición de dramas” na súa primeira acepción. En ámbitos especializados esta enténdese como a ‘actividade na que se elabora o texto da representación, o esquema ou un manual de instrucións de códigos expresivos e tamén todo aquilo de recomposición que un texto precisa para que unha persoa ou conxunto de persoas creadoras presenten un espectáculo’. Luísa Villalta posuíu a arte para crear dramas e tamén para artellar a súa montaxe. O vocábulo dramaturxia procede do grego dramatourgía que significaba ‘compoñer e representar unha obra de teatro’. Á súa vez é un vocábulo composto sobre as palabras drama ‘peza de teatro’ e ergon ‘acción’. Na segunda acepción do DRAG significa ademais o “conxunto de pezas de teatro dun autor ou autora ou dunha época”.  A nosa homenaxeada co día das Letras é autora de cinco obras publicadas:

-«Concerto para un home só», A Coruña, Cadernos da Escola Dramática Galega, 76 (1989).
-«O representante. Monólogos I», A Coruña, Cadernos da Escola Dramática Galega, 85 (1990).
-«O paseo das esfinxes», A Coruña, Cadernos da Escola Dramática Galega, 88 (1991).
-«As certezas de Ofelia», A Coruña: Deputación, Casahamlet, 1 (1999).
-«Os dóces anos da guerra», Revista Galega de Teatro, Vigo, 29 (2001).

E tamén a autora da obra inédita, anterior a todas as pezas publicadas, «Os pasos contados» (drama expresionista en sete cadros) da que se conservan dous textos mecanografados na Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.

Ela, daquela, é dramaturga xa que é a “autora de obras dramáticas”, denominación culta que nos remite ao grego dramatourgós, de significado semellante. As voces dramaturxia e dramaturga, gardan relación con drama, voz coa que se designa, segundo o  Dicionario ‘calquera obra literaria que se representa diante dun público’, pero que posúe tamén os significados de ‘obra de teatro de carácter serio, pero corrente, onde a acción tráxica vai acompañada de elementos realistas’e ‘xénero destas obras (especialmente por oposición acomedia). O termo vén do grego dráma ‘acción representada’, ‘peza de teatro’, derivado do verbo drao ‘executar’ ou ‘realizar’. O vocábulo drama comeza a empregarse no século XVIII, sobre todo polos pensadores franceses, en especial Denis Diderot, para identificar un tipo de obra de teatro a medio camiño entre a comedia e a traxedia, mestura do cómico, do realista e do grotesco. Sobre este vocábulo formáronse tamén os termos dramatización e dramatizar −ambos os dous relacionados co feito de adaptar un texto para poder ser representado−.

Moi relacionada con drama e dramaturxia está a palabra teatro, que se define como ‘un modo de expresión escénica caracterizada pola teatralidade’. A orixe da palabra teatro diríxenos ao mundo clásico, ao termo theātrum, unha voz latina prestada do grego théatron, derivada á súa vez de theâsthai, onde tiña o significado de ‘mirar’, ‘contemplar’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir