Unha nova funcionalidade: a busca avanzada por categoría gramatical

Seleccionar palabras pola súa categoría gramatical é a nova función proposta para ampliar as utilidades do Dicionario en liña. Ata o de agora, a busca avanzada permitía escoller entradas en función da secuencia de caracteres con que “comezan” e/ou “rematan”, das voces empregadas nas definicións e/ou nos exemplos e mais do tecnolecto ao que pertence a palabra. Pois ben, desde este momento, alén destes criterios, será posible buscar os termos en relación á súa categoría gramatical, podendo elixir entre as clases de palabra que sinalan a maioría das gramáticas xerais, a saber: adverbio, adxectivo, artigo, contracción, conxunción, demostrativo, exclamación, indefinido, interrogativo, interxección, locución, numeral, participio, posesivo, preposición, pronome, relativo, substantivo e verbo. Ademais, poderase concretar o xénero, masculino ou feminino, para as palabras con variación (substantivos e adxectivos) e mais outras especificacións categoriais (como o tipo de locución) ou sintácticas (por exemplo, a predicación no caso dos verbos –transitivo, intransitivo, pronominal–). Esta utilidade está especificamente dirixida aos lingüistas e determinados sectores profesionais, como o da tradución por exemplo, desde onde partiu a demanda de poder seleccionar as entradas por categoría.

A busca por paradigmas gramaticais preséntase en fase de probas a través da web DicionarioLab para que toda a xente teña a oportunidade de comprobar o funcionamento e emitir a súa opinión, ou tamén facer os comentarios e achegas que desexe. O segundo paso deste proceso sería a incorporación ás páxinas do Portal das Palabras e a Real Academia, logo de coñecer a valoración das usuarias e usuarios.

 

A procura dos termos en feminino, incorporada ao Dicionario dixital

Por outra banda, tamén desde hoxe queda agregada ao Dicionario a busca dos lemas en feminino. O pasado día 8 de marzo, presentouse en DicionarioLab esta mellora, unha das máis demandadas pola xente en defensa da necesaria igualdade, comezando polo plano lingüístico. A partir de hoxe, queda establecida de forma permanente para as consultas do Dicionario en liña.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir