candorca

(Orcinus orca) Cetáceo da familia dos delfínidos, de ata dez metros no caso dos machos, fociño arredondado, aleta dorsal triangular e cor negra no dorso e branca no ventre con manchas tamén brancas na cara e nos costados.

Etimoloxía

A etimoloxía proposta parte da denominación latina orca, -ae, coa que se formaría a expresión “can orca”.

Exemplos *

“Tamén lle chaman ingleses e norteamericanos á candorca killer whale, ‘balea asasina’, e a pobre da candorca nin é unha balea, nin unha criminal.” (Luís Daviña: O Correo Galego 08-10-2001)

“… un grupo de candorcas, traballando en equipo, conseguiu matar unha cría de balea que estaba acompañada e protexida pola súa nai, o que pon en evidencia a súa intelixencia social e a súa capacidade de predación.” (Xaquín Penas Patiño: A arca de Noé. Elementos de Oceanografía e Bioloxía mariña)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.