toniña

(Phocoena phocoena) Mamífero mariño da orde dos cetáceos, parecido ao golfiño aínda que de menor tamaño, máis groso e co bico máis curto.

Etimoloxía

A orixe desta palabra parece estar no latín thunnus ou thynus, denominación do atún que se tomara do grego.

Exemplos *

“Hoxe a novidade foron as toniñas. Pasaron varias en dirección contraria á nosa. Unha cría achegouse ao barco e veu saltando ao costado de babor un anaco, bota a cachola fóra da auga e mira como rindo. A familia toniña ía de viaxe …” (Xavier Paz: Follas de bacallau)

“O corpo peixe de María saltaba, na tarde primaveral, como unha toniña no mar, un corpo áxil, delgado, aínda infantil.” (Mª Xosé Queizán: Ten o seu punto a fresca rosa)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.