teixugo

Mamífero carniceiro da familia dos mustélidos de pelo longo e espeso, agrisado no lombo, negro nas patas e no ventre, e abrancazado con dúas listas negras que van desde o fociño ata detrás das orellas, que vive en tobos profundos e ten costumes nocturnos

Etimoloxía

A súa orixe é controvertida, crese que procede do latín taxone; pero coa influencia do xermano *thahsus co mesmo significado.

Exemplos *

“O lugar de Souto tendíase ós pés do Coto dos Ladrós, un outeiro de penedos avesíos, de formas caprichosas e equilibrio milagreiro. Intuíase a presencia de fauna salvaxe, coellos, raposos e teixugos compartindo as covas.” (Bieito Iglesias: A historia escríbese de noite, 2001)

“O padre Serafín explicoume que algúns animais salvaxes como o teixugo, o raposo ou o gato montés utilizan o interior destas árbores como gorida, sobre todo aqueles que estaban máis protexidos e só se podía acceder a eles a partir da parte superior do tronco.” (Alberto Canal: Conexión Tubinga, 2008)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.