Seis candidatas a se converter na Palabra do Ano 2019

Ecocidio, feminicidio, narcosubmarino, negociación, quecemento global e sentidiño son os seis termos finalistas que aspiran a se converter na Palabra do Ano 2019. O Portal das Palabras anima a toda a cidadanía a sumarse á escolla colectiva da voz que mellor resuma o ano a piques de rematar, ou que saliente un tema de especial relevancia nos últimos doce meses, participando na votación virtual que se manterá aberta ata ás 23:59 horas do 25 de decembro NESTA LIGAZÓN.

A fase de recollida de suxestión pechouse con preto de 7.000 achegas que sumaron uns 400 palabras diferentes. Moitos delas reflicten, igual cás finalistas ecocidio, quecemento global e feminicidio, a crecente preocupación social pola polo dano ambiental provocado pola acción humana e pola desigualdade de xénero. A situación política local e global tamén deixou un regueiro de suxestións, entre elas negociación. Neste mesmo contexto, entre outros, podería encadrarse igualmente a proposta de sentidiño, moito máis ca un diminutivo convertido polos falantes nun xeito de noso de referírmonos ao sentido común.

O termo feminicidio non está recollido no Dicionario, pero axústase ás normas de formación de palabras do galego e cobra forza na fala cotiá para visibilizar a expresión máis extrema da violencia de xénero como paso imprescindible para combatela. Só no contexto estatal dende 2003 —cando se comezaron a contabilizar os asasinatos de mulleres polo feito de selo—, rexistráronse máis dun milleiro de vítimas mortais. Non é a primeira vez que un vocábulo relacionado coa crecente sensibilidade social ante a desigualdade de xénero chega a ser finalista da Palabra do Ano: en 2018 fórono feminismo e apoderamento e en 2017, violencia de xénero.

A alerta entre a cidadanía tamén medra ante o desafío do quecemento global, o aumento da temperatura media da Terra causado pola acumulación de gases contaminantes na atmosfera derivada da acción humana dende a Revolución Industrial. A intervención lesiva do ser humano en todo tipo de ecosistemas está a xerar outros neoloxismos como ecocidio, un concepto que se refire á destrución masiva, dano ou perda dun ecosistema de certo territorio. Polo momento aparece recollido como un delito en diversos códigos penais, pero as voces expertas reclaman unha convención internacional.

O 2019 foi ademais o ano en que comezamos a empregar a palabra narcosubmarino. Esta é outra creación neolóxica, de orixe americana, que irrompeu na nosa contorna tras ser interceptado o pasado mes de novembro na costa galega, por primeira vez en Europa, un navío deste tipo dedicado ao tráfico de drogas.

O Portal das Palabras convida desde 2014 a toda as persoas que o desexen a participar na elección da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores gañaron deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) -cadrando co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí