apoderamento

Cada 25 de novembro celébrase en todo o mundo o Día contra a Violencia de Xénero, unha efeméride á que o Portal das Palabras se sumou para berrar non contra todo tipo de discriminacións que sofren as mulleres polo simple feito de selo. Pero o camiño cara á plena igualdade non só require denunciar e frear os abusos, cómpre tamén apoderar as mulleres de acordo coa terceira acepción que este verbo amosa no Dicionario da Real Academia Galega desde o pasado mes de outubro: “facer poderoso ou forte un individuo ou grupo social desfavorecido”. Canda ela incorporouse á nosa ferramenta web de referencia para a lingua  o seu correspondente substantivo, apoderamento, o “proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais” no significado que nos ocupa.

O apoderamento é un concepto que se fixa definitivamente no ámbito feminista nos anos 80 do século pasado, especialmente tras a publicación de Developement, Crises and Alternative Visions: Third World Women’s Perspectives (1987), resultado das investigacións e do activismo da rede de mulleres DAWN, sigla de Mulleres polo Desenvolvemento Alternativo para unha Nova Era, fundada en Bangalore (India) tres anos antes. O volume foi fundamental nunha nova perspectiva sobre a muller e o desenvolvemento e pouco despois da súa saída do prelo as publicacións de estudos feministas arredor do apoderamento multiplicáronse. Nos últimos anos, o apoderamento feminino deu o salto do mundo académico á lingua da rúa e estase a consolidar como palabra de uso popular na nosa fala da man da xa chamada cuarta vaga feminista, a que sacou a decenas de miles de mulleres ás rúas galegas o pasado 8 de marzo nun verdadeiro proceso de apoderamento colectivo.

Pero cal é a súa orixe na lingua? As raíces etimolóxicas hai que buscalas nun primeiro elo no inglés empowerment, que procede do verbo empower, creado mediante parasíntese sobre o substantivo power. En inglés da Idade Media (Middle English) era poer ou pouer, que procede, á súa vez, do francés antigo povoir. Este último bebe do latín vulgar *potere, que no clásico posse significaba ‘ter poder’, ‘ser hábil’ ou ‘ter potestade’, e vinculado, en última instancia, a unha raíz indoeuropea, *poti  ‘dono’. E como foron as linguas da nosa contorna facendo seu o empowerment inglés? O castelán converteuno en empoderamiento; o catalán, en apoderament; e o francés optou pola vía da autonomisation, mentres que noutros idiomas romances como o portugués e o italiano non hai oficializada alternativa ningunha e adoita empregarse o préstamo inglés en estado puro.

E por que apoderamento para a nosa lingua?, estaredes a preguntarvos desde a primeira liña. Pois porque, aínda que teñamos escoitado o calco empoderamento por influencia do castelán, no galego temos de noso o verbo “apoderar, da mesma familia ca o inglés empower, e con practicamente os mesmos significados tradicionais. E porque este verbo posúe igualmente un substantivo derivado apoderamento, coas significacións semellantes do inglés empowerment. Por iso parece máis axeitado para a lingua galega adoptarmos para esta nova acepción aparecida no inglés to empower e empowerment as denominacións da tradición propia apoderar e apoderamento”, explica Manuel González, coordinador do Seminario de Lexicografía neste artigo que vos recomendamos.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir