Participade co voso voto NESTA LIGAZÓN
Ecocidio, feminicidio, narcosubmarino, negociación, quecemento global e sentidiño son os seis termos finalistas que aspiran a se converter na Palabra do Ano 2019 tras a recollida das novas propostas. Moitas grazas polas achegas, pero aínda queda o paso máis importante! Xa podedes votar pola voz que ao voso xuízo mellor resuma o ano a piques de rematar, ou que saliente un tema de especial relevancia nos últimos doce meses.
Moitas das palabras que suxeristes, igual cás finalistas ecocidio, quecemento global e feminicidio, a crecente preocupación social pola polo dano ambiental provocado pola acción humana e pola desigualdade de xénero. A situación política local e global tamén deixou un regueiro de suxestións, entre elas negociación. Neste mesmo contexto, entre outros, podería encadrarse igualmente a proposta de sentidiño, moito máis ca un diminutivo convertido polos falantes nun xeito de noso de referírmonos ao sentido común.
O termo feminicidio non está recollido no Dicionario, pero e axústase ás normas de formación de palabras do galego e cobra forza na fala cotiá para visibilizar a expresión máis extrema da violencia de xénero como paso imprescindible para combatela. Só no contexto estatal dende 2003 —cando se comezaron a contabilizar os asasinatos de mulleres polo feito de selo—, rexistráronse máis dun milleiro de vítimas mortais. Non é a primeira vez que un vocábulo relacionado coa crecente sensibilidade social ante a desigualdade de xénero chega a ser finalista da Palabra do Ano: en 2018 fórono feminismo e apoderamento e en 2017, violencia de xénero.
A alerta entre a cidadanía tamén medra ante o desafío do quecemento global, o aumento da temperatura media da Terra causado pola acumulación de gases contaminantes na atmosfera derivada da acción humana dende a Revolución Industrial. A intervención lesiva do ser humano en todo tipo de ecosistemas está a xerar outros neoloxismos como ecocidio, un concepto que se refire á destrución masiva, dano ou perda dun ecosistema de certo territorio. Polo momento aparece recollido como un delito en diversos códigos penais, pero as voces expertas reclaman unha convención internacional.
O 2019 foi ademais o ano en que comezamos a empregar a palabra narcosubmarino. Esta é outra creación neolóxica, de orixe americana, que irrompeu na nosa contorna tras ser interceptado o pasado mes de novembro na costa galega, por primeira vez en Europa, un navío deste tipo dedicado ao tráfico de drogas.
O Portal das Palabras convida desde 2014 a toda as persoas que o desexen a participar na elección da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores gañaron deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) -cadrando co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).