amorodo

Froito vermello e carnoso en forma de corazón, con pequenas pebidas na pel e bastante máis grande na variedade cultivada ca na ventureira.

Etimoloxía

Apúntase que proveña da mesma orixe ca amora, co cal sería un derivado a partir da forma latina mora.

Exemplos *

"Eu cavilaba daquela, cando xa pasaramos as pozacas, os niños e as floriñas de amorodo, no que iamos facer en chegando ó casal." (Helena Villar Janeiro / Xesús Rábade Paredes: Morrer en Vilaquinte).

"Achegámonos os dous ata o cómaro e estivemos a comer nos amorodos ata que xa non quedou ningún dos maduros." (Agustín Fernández Paz: O centro do labirinto)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.