trufa

Doce de forma redonda elaborado con chocolate, manteiga e azucre e cuberto de cacao en po ou chocolate

Etimoloxía

Palabra que procede do occitano antigo trufa, este termo bebe do latín vulgar tufĕra ‘trufa’, que, á súa vez, remite ao clásico tuber ‘tubérculo’.

Exemplos *

“O neno semella pasmado ante o escaparate, decoración de altar breve con andeis en rampla, cubertos con panos albos, amidonados. Un altar no que, no canto de candelabros e imaxes, expóñense cativas medas de doces, moreas ordenadas de trufas e bombóns, xunto con tortas e bicas de distintas clases.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)

“Prometeu enviar un propio á confeitería máis próxima a por dúas ducias de pasteis. Baixarían os doces e o Consello da Xunta reviviría cun subidón de azucre. Carrodeguas encareceulle que incluíse unha caixiña de trufas de chocolate, estaba de antollo.” (Bieito Iglesias: Pan e coitelo. Novela moi moral, 2008)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.