chicharro

Peixe mariño comestible da familia dos caránxidos [Trachurus trachurus], de corpo fusiforme e cor gris verdosa ou azulada polo lombo e gris prateada polos costados, que vive en mar aberto, case sempre lonxe da costa.

Etimoloxía

Vocábulo de orixe descoñecida, xógase coa hipótese que se vincule co termo “chicharra”, en ocasións, dáselle o nome dun animal terrestre a un mariño.

Exemplos *

“A sardiña ocupa máis espazo de mar có xurelón cando vai correndo en banco horizontal. Non obstante, o xurelo ou chicharro, faino en vertical, en redondo ou en bolo, tamén chamado torrón.” (Xavier Rodríguez Vergara: Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro, 2008)

“En Cariño fartei de comer chicharros lañados que me lembraban o bocado de Adán que me deu o cura do Freixo, pero como era xente pobre non parei moito aló.” (Hixinio Puentes: O bandido Casanova, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.