meteoro

Fenómeno que se produce na atmosfera, como a chuvia, o vento, a sarabia etc.

Etimoloxía

Voz que bebe no latín medieval meteora, e este do grego metéōra 'fenómenos celestes', neutro plural de metéōros que significa 'que está no aire'.

Exemplos *

“O vento roldara do sudeste, que naquelas latitudes era sinal de mal tempo e temporal desatado, e as ondas comezaban a erguerse con máis forza, como querendo resaltar o seu poderío de meteoro desatado, de potencia da natureza coa que non se pode xogar, de animal embravecido e fero.” (Xavier Queipo: Papaventos, 2001)

“O mar e os meteoros só lle deixaran á flota de El—Rei don Carlos desembarcar uns recursos pobres de xente e bastimentos no porto elixido, pola ribeira dun desaugadoiro glacial, sobre o paralelo 50.” (Xavier Alcalá: Alén da desventura, 1998)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.