placebo

Preparado farmacéutico carente de acción terapéutica que se subministra para determinar a eficacia dun fármaco ou para obter efectos de curación por medio da suxestión

Etimoloxía

Voz que procede directamente do verbo latino placebo que era a primeira persoa do singular do futuro imperfecto de indicativo de placere ‘agradar’.

Exemplos *

“Colleu o imprescindible para pasar a noite e fuxiu, voando para outro niño, crebando novas pallas. Eu fiquei, decepcionada, entre lembranzas, como unha pega mancada con explosións atómicas á que lle subministran placebos de laboratorio cos que distraer a mutilación.” (Beatriz Dacosta Molanes: Cascas de noz / Estrume, 2000)

“Entón debedes ser fortes para coidala e non permitir que faga ningunha desgracia. Tamén vos deixo os medicamentos que ha tomar neste tempo. Son produtos substitutorios, simples placebos. Mañá explicareivos de vagar as instrucións para administralos.” (Manuel Lourenzo González: Arqueofaxia, 1995)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.