relinga

Tralla gorda que vai na parte de barlovento da vela para reforzala // Cada un dos cabos en que van colocadas as cortizas e a chumbada nas redes de pesca

Etimoloxía

Palabra que remite á francesa ralinque que, á súa vez, bebe do neerlandés ralijk de significado semellante.

Exemplos *

“Un intre o vapor intruso / coseu de presa a relinga d’o horizonte / Alén do mundo / está o castelo de proa” (Manuel Antonio: “Calma de 6 a 8” en De catro a catro, 1928)

“Contemplo demoradamente o barco que vos leva, tan inocente coma os vosos rostros. As grilandas para iniciar a travesía, a bolsa que aparece pendurada do mastro, as relingas que vos enmarcan.” (Agustín Fernández Paz: O rastro que deixamos, 2012 )

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.