Crítica, parodia que tende a ridiculizar / Texto en que se ridiculiza ou critica algo ou a alguén
Etimoloxía
Voz que bebe da latina satira que, á súa vez, remite satura ‘composición literaria que se acompaña con danza’.
Exemplos *
“Esa desmesura decaeu tanto que hoxe en día o entroido adoita ser un desfile domesticado e carente de graza no que, máis que a sátira intelixente, o que se pode ver é un rosario de carrozas con pretensións que mal imitan o alleo entroido caribeño.” (Antonio Gutiérrez: Galicia Hoxe, 6-3-2011)
“Malia ser o Entroido tempo de inversións puntuais, propicio para a sátira e para poñer o mundo "do revés ", neste caso a mensaxe de fondo é unha redundancia do ideal de unidade parroquial, que debe predominar en todos os aspectos da vida.” (Xosé Manuel González Reboredo: A parroquia en Galicia: pasado, presente e futuro, 2009)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.