tileiro

Árbore da familia das tiliáceas, do que existen varias especies, de tronco recto, copa ampla de forma oval, follaxe densa que dá moita sombra, follas en forma de corazón e flores branco amareladas moi recendentes

Etimoloxía

Voz derivada sobre “tila” que vén do latín tillia nome da árbore.

Exemplos *

“Tiña o espírito revolto. Íalle facer ben o ar fresco. Avanzou ás chancadas baixo os tileiros e os plátanos que loitaban por acadar o ceo negro coas súas ramaxes. Ao lonxe víase a torre da Berenguela.” (Blanca Riestra: Noire Compostela, 2016)

“Eses castiñeiros de Trasalba, aqueles bidueiros da Terra Chá, esoutras árbores (tileiros, talvez) que olla no xardín do Ateneo mentres debulla libros... son metáforas análogas ás empregadas polo seu mestre Barrès, coma a do chamado «pradairo de Taine» perante o monumento parisino dos Inválidos.” (Ramón Villares Paz: Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun galeguista, 2006)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.