velorio

Reunión de persoas para velar un defunto.

Etimoloxía

A partir do verbo vigilare (‘estar atento’, ‘vixiar’) orixinouse o noso velar. E a partir de velar, engadíndolle o sufixo –orio, a forma velorio.

Exemplos *

“Na Galicia rural existe un instrumento privilexiado de descarga emocional: o velorio, que dinamiza, automática e inconscientemente, un mecanismo de dó no que a manipulación de tensións adquire tres vertentes: prácticas explicadoras, de desviación e de desafogo.” (Xosé Chao Rego: Para comprendermos Galicia)


“Camilo subiu axiña, rifando pésames e condolencias e mandou saír a toda aquela xente do cuarto do morto onde xa se improvisara o velorio apócrifo das contiñeiras.” (Antón Riveiro Coello: As rulas de Bakunin)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.