arandeira

Arbusto da familia das ericáceas, propio de zonas de montaña húmidas e sombrizas, de follas moi brillantes e flores brancas ou tirando a rosa, que ten como froito unha baga comestible de sabor doce e cor azul escura tirando a negra

Etimoloxía

Palabra derivada que toma como base “arando” que podería vir do latín tardío rodandărum variante do latín rhododendron, e este do grego rodódendron 'adelfa'. O nome científico é Vaccinium myrtillus.

Exemplos *

“Estaba avanzada xa a primavera, e víanse flores nas abas do outeiro, rosadas as das arandeiras, brancas as das sorbeiras, verdes ou vermellas as dos bidueiros, mentres que as paredes e a cuberta do edificio estaban cheas de verde e tenra herba.” (Xoán Bernárdez Vilar: A saga da illa sen noite, 2001)

“Intentou entreterse identificando as árbores e arbustos que o rodeaban: carballos, bidueiros, amieiros, freixos, abeleiras, salgueiros, pereiras bravas, espiños, escornacabras, urces, arandeiras... Pero a sucesión de relampos, raios e tronos non deixaba de aumentar.” (Carlos G. Reigosa: A lei das ánimas. A novela da santa compaña, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.