arroubo

Estado da persoa que sente un pracer, ledicia ou admiración tales que lle fan esquecer ou perder a consciencia de todo o demais

Etimoloxía

Voz que se forma a partir do verbo “arroubar” que, á súa vez, se forma por prefixación sobre o termo xermano raubon ‘saquear’ ou ‘arrebatar’.

Exemplos *

“Os bos e xenerosos / a nosa voz entenden / e con arroubo atenden / o noso ronco son” (Eduardo Pondal e Pascual Veiga –música–: Os Pinos, 1890)

“Iris, tranquila mais con arroubo, coa vista perdida no cumio da cidade, continuou falando sobre a dimensión catártica da arte e do seu creador.” (Ricardo C. Mora: A cidade dos anxos, 2011)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.