atranco

Aquilo que dificulta o normal desenvolvemento dunha acción / Cousa que atranca, que impide avanzar ou pasar por un sitio

Etimoloxía

Palabra derivada de “atrancar” que, á súa vez, vén de “tranca” de orixe prerromana.

Exemplos *

“Os atrancos cos que batía o esforzo de desenvolvemento editorial non eran só de tipo económico. Engadíanse os políticos, particularmente centrados nos controis da censura.” (Francisco Fernández del Riego: Camiño andado, 2003)

“A Moura era, desde este intre, a vaca máis fermosa de Galicia. Saltei por riba de canto atranco había e fun cara a ela. Abraceime ó seu pescozo e deille un bico na testa.” (Manuel Iglesias Turnes: Que non te aten, 2017)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.